No pleno ordinario de xullo que terá lugar na tarde de hoxe, xoves 29, debaterase a aprobación do Plan Ames Progresa 2021-2023. Unha iniciativa encamiñada a impulsar e a reactivar a economía local en tempos de pandemia e posmandemia a través dun paquete de medidas que afronten a complicada situación. Contempla iniciativas en todos os sectores: comercio, cultura, hostalaría, patrimonio municipal e emprego público. O Goberno local quere dotalo con máis de 5 millóns e medio de euros de orzamento a través do aforro acumulado do Concello.
A orde do día inclúe tamén o debate sobre a aprobación de dous suplementos de crédito. Un deles diríxese a cubrir gastos de sentenzas e facturas para os que non chega o orzamento. O Goberno local quere botar man do remanente para estas actuacións urxentes por un total de case 350.000 euros.
O outro suplemento sufragaría os plans e programas de axuda municipais orientados a afrontar a crise económica e sanitaria. Será deste suplemento de onde saian os cartos para afrontar o Plan de Reactivación Local e o PEL Reactiva, así como o mesmo Ames Progresa. Financiado tamén co remanente de tesourería, ascendería a case 4.700.000 euros.
Tamén se deliberará a incorporación de dous novos investimentos para o que se modificará o anexo de investimentos do Orzamento municipal 2021. Deste modo incluiranse o Plan Ames Progresa e as obras vinculadas ao Ciclo Integral da Auga.
Persoal
Debaterase igualmente a modificación do anexo de persoal municipal. As principais modificacións son a creación dun novo posto de adxunto/a á intervención, adscrito ao Departamento de Servizos Económicos, e mais a creación, como consecuencia do fallo xudicial firme, dun novo posto con perfil técnico informático no grupo profesional B. Crearase igualmente un novo Servizo de Promoción da Saúde.
Aprobación provisional da Ordenanza fiscal
O pleno debaterá tamém a aprobación provisional da Ordenanza fiscal n.º 2.1 reguladora do Imposto de Bens Inmobles, logo de ser sometida a consulta pública durante 20 días. A nova ordenanza facilita a comprensión cunha reestruturación do contido e articula dúas bonificacións potestativas adicionais. As novas bonificacións son a favor de inmobles destinados ao alugueiro con renda limitada e a favor de inmobles nos que se desenvolvan actividades de interese social, cultural ou histórico-artístico.
Ciclo Integral da Auga
Posteriormente abordarase o nomeamento da secretaria da Comisión de validación da memoria xustificativa da forma máis sostible e eficiente de xestión dos servizos do Ciclo Integral da Auga, conforme o expediente aprobado no mes de xuño para repensar este servizo municipal. A proposta da alcaldía é nomear á funcionaria adscrita ao departamento de Secretaría, Mónica Gónzalez, como secretaria da Comisión.
O pleno rematará co debate da proposta do Partido Popular para que o Concello de Ames apoie a celebración do Xacobeo 2021-22.