21 Abril, 2026

O Pleno de abril debaterá unha moción do BNG para que se constrúa vivenda protexida nas parcelas municipais que non atoparon comprador

Os nacionalistas consideran que a dispoñibilidade destes terreos é unha oportunidade para crear vivenda pública en Bertamiráns e recordan que, segundo os proxectos actuais, Ames só disporía de vivenda pública no Milladoiro. “Especialmente para a xente nova e as familias con ingresos medios é case imposible o acceso á vivenda polos prezos e porque a oferta dispoñible non cobre a demanda, isto implica que a mocidade non pode emanciparse, as familias teñen que marchar a outro municipio, aumenta a desigualdade no concello e o crecemento vólvese desequilibrado, explica a voceira Escarlata Pampín. “Non falamos de números, falamos de xente que traballa en Ames e non pode vivir aquí, de parellas que atrasan proxectos vitais, ou de familias que destinan unha parte excesiva do seu salario ao alugueiro, por iso é necesario cambiar o enfoque das políticas de vivenda: aumentar a oferta accesible, promover vivenda pública e garantir prezos asumibles, subliña.

Esta demanda formaba parte das medidas solicitadas polo BNG de Ames para a negociación dos orzamentos pero foi rexeitada polo goberno do PSOE argüíndo que os procedementos de alleamento se atopaban en licitación e non podían ser modificados. Agora os nacionalistas volven esixir que se constrúa vivenda pública 

Na moción que o BNG de Ames levará ao pleno ordinario de abril, propoñen que estas parcelas de titularidade municipal se cedan á Xunta de Galicia para a promoción de vivendas de protección autonómica ou de Vivendas de Integración Social.  Tamén a promoción da súa licitación ou cesión en condicións favorables que permitan a participación de promotores privados para a construción de vivendas de protección oficial, garantindo en todo caso a limitación de prezos e o acceso a vivenda accesible.

“A finalidade é garantir que calquera das opcións adoptadas priorice o acceso á vivenda da veciñanza especialmente da mocidade, persoas con baixos ingresos e colectivos en situación de vulnerabilidade”, destaca Escarlata Pampín.