2 Setembro, 2021

O pleno de agosto celébrase hoxe cos servizos de conciliación e os festivos locais sobre a mesa

Ames celebra hoxe o seu pleno do mes de agosto, onde se abordarán asuntos como a licitación do servizo de monitoraxe dos programas municipais de conciliación da vida laboral e familiar. Tamén se abordará a aprobación provisional da ordenanza fiscal número 3.B.3 reguladora das terrazas ou a autorización do incremento da cantidade global destinada á asignación de gratificacións, horas extras e horas complementarias no orzamento 2021.

O pleno debaterá igualmente a encomenda de xestión ó Concello de Teo para a prestación do servizo de Atención Temperá. Outro dos puntos a tratar é a fixación dos festivos locais para o ano 2022.  Por último, debaterase a proposta de Contigo Podemos, PsdG-PSOE, BNG e Ames Novo para solicitar á Xunta de Galicia o compromiso para a acollida de persoas refuxiadas afgás.

O primeiro dos asuntos incluídos na orde do día, a aprobación do expediente de licitación do servizo de monitores dos programas municipais de conciliación da vida laboral e familiar do Concello de Ames, reflicte o que se ten convertido nunha necesidade para boa parte da sociedade. A incorporación da muller ao mundo laboral, o aumento da esperanza de vida, así coma, o incremento do número de familias monoparentais obriga ás administracións a tomar partido. Ames ten impulsado durante máis dunha década unha ampla rede de servizos complementarios á educación a través dos “Comedores Escolares”, o servizo “Bos Días Cole” e “Tardes Divertidas”. O contrato destes servizos rematou en xuño de 2020 e este pleno tratará xa que logo da contratación do servizo. A duración inicial do contrato é de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos. O orzamento base de licitación do contrato ascende a 3.098.144 €, sendo o valor estimado do contrato de 8.777.421 €.

Festivos locais
Por outra banda, debaterase a fixación dos festivos locais para o ano 2022. Co fin de confeccionar o calendario laboral 2022 cumpre que o Concello fixe os festivos locais para o ano 2022. A tradición no Concello de Ames é que os festivos locais sexan o xoves da Ascensión e o día de san Xoán, con todo, no ano 2022 san Xoán é festivo autonómico polo que a Xunta de Voceiros do mes de agosto propón a fixación como festivos locais o xoves da Ascensión (26 de maio) e o Luns de Pascua (18 de abril).

Ordenanza fiscal reguladora das terrazas
Outro dos asuntos a tratar é a aprobación provisional da ordenanza fiscal número 3.B.3, reguladora das terrazas. O Concello de Ames aprobou no Pleno extraordinario do 24 de maio de 2020 a derrogación da Ordenanza Fiscal. A nova ordenza reguladora entrou en vigor o 30 de xuño. Agora trátase de aprobar unha ordenanza fiscal adaptada a esta.

Asignación de gratificacións
Outros dos puntos a deliberar é a autorización do incremento da cantidade global destinada á asignación de gratificacións, horas extras e horas complementarias no orzamento 2021. Con motivo da aprobación dos orzamentos 2021 autorizouse un importe máximo para gratificacións e horas extraordinarias do persoal de 73.319 €. Dende o servizo de persoal indican que no mes de xullo de 2021 o importe deveñado en horas extras e gratificacións ascende a 90.126,69 euros, polo que, o crédito consignado no orzamento resulta insuficiente.

Servizo de Atención Temperá
Ademais abordarase a encomenda de xestión ao Concello de Teo para a prestación do Servizo de Atención Temperá. A concellaría de Benestar Social do Concello de Ames propón realizar un convenio de colaboración co Concello de Teo para a posta en marcha do servizo de Atención Temperá no Concello de Ames. O convenio de xestión compartida recolle unha duración dun ano, dende o 01.11.2021 ata 31.10.2022. O servizo de Atención Temperá consiste nun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno e que ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social. A Concellaría de Benestar Social defende a xestión compartida co concello de Teo como solución para prestar o servizo, posibilitando que se preste dun xeito máis eficaz e eficiente, minorando custos antieconómicos da prestación illada, garantindo o acceso da veciñanza a uns servizos públicos de calidade.

Proposta acollida refuxiados afgás
Por último, debaterase a proposta dos concelleiras/os de Contigo Podemos, PsdG-PSOE, BNG e Ames Novo para solicitar á Xunta de Galicia o compromiso para a acollida de persoas refuxiadas afgás. A proposta tamén insta ás Consellerías de Política Social e a de Territorio, Medio Ambiente e Vivenda para que xestionen directamente a cesión de vivendas baleiras e/ou en mans da SAREB para poñelas a disposición das persoas refuxiadas.