31 Marzo, 2025

O Pleno do Concello de Ames aproba un crédito extraordinario por valor de 221.207,94 euros para financiar diversas actuacións municipais.

A casa consistorial de Bertamiráns, acolleu o pasado xoves 27, como ven sendo habitual o Pleno Ordinario do Concello de Ames. Un dos puntos máis importantes dos que se trataron durante a sesión, foi a aprobación dun crédito extraordinario por valor de 221.207,94 euros para financiar diversas actuacións municipais. Entre os investimentos previstos inclúese a mellora da Cociña Central, servizo que proporciona menús a escolas infantís e colexios do municipio; a adquisición de novo mobiliario para a Central de Lavado; a reforma do auditorio de Bertamiráns e o subministro de material para a instalación de paneis fotovoltaicos en escolas infantís. O financiamento deste crédito procede de baixas por anulación en diversas partidas orzamentarias, como o servizo de limpeza no rural, o mantemento de infraestruturas ou a pavimentación de vías públicas.

A aprobación do crédito saíu adiante con maioría simple, ao contar co voto favorable do goberno municipal, e a abstención de todos os grupos da oposición, quenes cuestionaron a xestión económica do executivo local, criticando que se chegue a este punto debido a que os orzamentos do 2024 aínda non foron aprobados. Tanto o Partido Popular como o BNG e Espazo Común coincidiron en sinalar que o Concello está a funcionar con contas prorrogadas, o que limita a capacidade de planificación e obriga a recorrer a modificacións puntuais como esta.

Outro dos puntos destacados do Pleno foi a modificación do Regulamento Orgánico Municipal para suprimir o debate anual sobre o estado do Concello. A proposta contou co apoio do goberno municipal e do PP, mentres que o BNG e Espazo Común votaron en contra.

Tamén se aprobou por unanimidade a derrogación da ordenanza de prestación de alimentos, que quedara obsoleta tras a integración desta axuda nos servizos sociais municipais. Así mesmo, deuse luz verde á continuidade do Plan de Prevención de Incendios Forestais ata 2029, unha medida que busca reforzar a protección do territorio fronte ao lume. Por outra banda, realizouse unha modificación do convenio do Servizo de Interese Municipal (SIMU) debido a un déficit de ingresos e abordouse a resolución de alegacións relacionadas co contrato do Servizo de Axuda no Fogar.

A sesión tamén serviu para aprobar unha moción presentada polo Partido Popular con motivo do Día Internacional das Mulleres. O texto, que contou co respaldo unánime da corporación, recolle varias iniciativas para promover a igualdade, como a visibilización de mulleres referentes, a solicitude de financiamento para medidas de conciliación e o reforzo dos Centros de Información á Muller (CIM).