O luns, 23 de febreiro (día de peche do AMSGO!) celebrouse un pleno extraordinario no que a Corporación municipal debateu dous puntos relativos ao novo orzamento para o exercicio 2026 presentado polo goberno municipal, que ascende á cifra de 43.334.228,98 euros, e que está composto polo orzamento municipal de 38.753.577,15 euros e mailo orzamento da EPEL Augas de Ames de 4.580.651,83 euros. Tralo debate, quedou rexeitada a aprobación inicial do Orzamento Xeral 2026 do Concello de Ames e o da EPEL Augas de Ames; e foi aprobada a masa salarial do persoal laboral do Concello de Ames e da EPEL Augas de Ames. No pleno ordinario do vindeiro xoves, 26 de febreiro, incluirase unha cuestión de confianza para poder aprobar o Orzamento Xeral 2026.
Os concelleiros e concelleiras do Goberno municipal votaron a favor, mentres que o resto de edís do Partido Popular, BNG e Espazo Común posicionáronse en contra. Por outra banda, saíu adiante o segundo punto da orde do día relativo á aprobación da masa salarial do persoal laboral do Concello de Ames e da EPEL Augas de Ames. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do Goberno municipal e do Partido Popular, mentres que os edís do BNG e Espazo Común abstivéronse.
Deste xeito, o alcalde, Blas García, indicou que “no próximo pleno ordinario do xoves 26 de febreiro incluirase unha cuestión de confianza para poder aprobar o Orzamento Xeral 2026, que implicaría poder aprobalos cun mes e medio de atraso, pero se todo vai ben teremos orzamentos municipais”.
VOCEIROS
A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, comezou o turno de intervención dicindo que “o orzamento non só é un documento contable, senón que un instrumento económico – financeiro que recolle, ademais da previsión anual de ingresos e gastos, a estratexia formulada polo goberno para o noso concello pasando a ser así unha ferramenta clave para a súa xestión, unha ferramenta que serve para planificar, controlar e avaliar o uso dos fondos públicos e as actuacións do propio goberno. Estamos ante un orzamento continuista, irrealizable e cunhas contas irreais. Trátase do segundo e último orzamento dun mandato caracterizado pola inestabilidade e pola falta de dialogo do actual goberno socialista en minoría. É un orzamento reflexo dun goberno que carece dun plan global e de estratexia con actuacións mediáticas e inconexas”.
Luisa Feijóo engadiu “non hai axudas directas ao pequeno comercio, non vemos tampouco medidas reais do fomento do emprego, non hai axudas para o autoemprego e emprendedores ou estudo de necesidades do noso concello. Tamén botamos de menos medidas concretas en materia de vivenda social e unha partida específica para participación, actuacións en materia de igualdade, programas de envellecemento activo compaxinados con actividades interxeracionais. Recortan en gasto social, promoción do emprego, igualdade e promoción económica, e aumentan a partida de publicidade institucional e festas. A irresponsabilidade é presentar un orzamento pechado, sen vontade real de negociación e de incorporar propostas da oposición. Queremos un Concello con máis apoio ao pequeno comercio, con políticas reais de emprego, de vivenda social, con estruturas de participación veciñal, que impulse políticas de igualdade, e onde os veciños e veciñas sexan o verdadeiro goberno”.
A voceira do BNG, Escarlata Pampín, explicou que “un goberno en minoría estable debería dende o primeiro día, dialogar, negociar e buscar acordos, para sacar adiante as súas propostas. Cando un goberno non consegue aprobar os orzamentos o que está fallando é o dialogo e o consenso. Gobernar en minoría non significa gobernar en solitario, significa escoitar, ceder e construír puntos de encontro, aquí é onde suspende o partido socialista que nos goberna actualmente en Ames, onde a imposición se repite unha e outra vez, autoritarismo que contrasta cos oito anos de goberno estable e progresista dos dous mandatos anteriores. Hoxe traen uns orzamentos dun goberno estancado, uns orzamentos continuistas, poucos ambiciosos, e afastados da realidade social do Ames de 2026, uns orzamentos que non responden aos problemas dos nosos veciños e veciñas”.
Escarlata Pampín tamén destacou “presentamos 15 propostas realistas pensadas para mellorar os orzamentos e por tanto a vida da xente de Ames. A resposta do goberno de Ames foi mirar cara outro lado e rexeitar case todas. Non podemos apoiar uns orzamentos que non apostan por unha política de vivenda seria e valente, xa que é un dos principais problemas da veciñanza de Ames. Outras medidas solicitadas foron a posta en marcha de axudas directas para os comerciantes afectados polas obras de humanización do Milladoiro e o incremento real da partida dos bonos Consuma para poder facer dúas campañas ao ano. A estes orzamentos fáltanlles máis diálogo, políticas progresistas, compromiso real coa veciñanza, ambición social, visión de futuro, en definitiva fáltalles máis BNG”.
A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, explicou que “presentamos propostas responsables. Propuxemos avanzar cara un novo plan xeral que ordene o crecemento do municipio. Non podemos seguir sen unha folla de ruta clara que marque onde, como e con que criterios se desenvolve o territorio. Tamén propuxemos reforzar de forma decidida a promoción económica, o emprego e o apoio ao comercio local. Un Concello non debe limitarse a prestar servizo, debe crear condicións para xerar actividade económica, atraer investimento e consolidar o tecido empresarial, por iso en moitas ocasións reclamamos maiores axudas para o comercio local. Ademais, propuxemos a creación dun parque de bombeiros propio, a seguridade non pode depender da vontade ou pasividade doutras administracións; e contar cunha dotación orzamentaria especifica para o arranxo das beirarrúas do concello. En cambio, propuxemos a instalación de puntos de carga de vehículos eléctricos e a creación dunha ordenanza para regular o seu uso. Sobre este asunto díxosenos que estaba traballando na licitación nos próximos meses”.
Sobre os ingresos e gastos, Oliva Agra dixo que “está previsto pedir préstamos por valor de preto de 3 millóns de euros para actuacións que non están suficientemente detalladas nin concretadas no documento orzamentario. Tamén se contempla vender parcelas municipais para adquirir outras. O goberno municipal pretende desfacerse de cinco parcelas municipais e ingresar preto de 1,6 millóns de euros, para dedicalos a catro operacións: adquirir por 800.000 euros parcelas ao carón da AP-9, nas inmediacións da rúa do Rego, no Milladoiro, para a construción dun parque; expropiar por 500.000 euros varias parcelas en Bertamiráns para a construción do parque urbano Bertamiráns norte; adquirir parcelas nas proximidades do CEIP Agro do Muíño para ampliar a estrada de Sisalde e crear novas prazas de aparcamento; e 45.000 euros para reparacións nos pavillóns municipais. O goberno en minoría, que presume de talante negociador nin tan sequera informou á oposición dos grandes proxectos que ten pensado para Ames, igual é porque nin o propio goberno confía en que os poida materializar”. Por último, criticou “a redución nun 35% da partida destinada ao mantemento dos centros educativos e nun 11,4% para o programa de campamentos para a mocidade”. A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, respondeu que “levan un ano enteiro criticando que este goberno non presentara uns orzamentos, cando se lles explicou con claridade e en repetidas ocasións que no ano 2025 non era posible facelo. Coincidimos plenamente na necesidade de ter orzamentos para garantir estabilidade e capacidade de acción. Saben que nunca tiveron intención real de aprobar estes orzamentos. A suposta negociación que estableceron non foi máis que un movemento estratéxico sen vontade sincera de chegar a un acordo. Hai propostas que realizaron que son irrealizables ou incluso ilegais. Este Concello vai ter orzamentos hoxe ou dentro dun mes. Non aprobar estes orzamentos supón un contratempo na xestión, supón non cumprir cos traballadores, e non poder executar os proxectos recollidos en dito documento”.
Pechou a quenda de intervencións o alcalde, Blas García, que dixo “vivimos nun Ames distinto porque eu non noto esa percepción do Ames negativo ou triste que vostedes traen hoxe aquí. A miña percepción é dun Ames no que a xente quere vir a vivir aquí, e somos un dos poucos concellos que medra en poboación, e o único concello este ano en Galicia con saldo vexetativo positivo. Por iso creo que tan mal non o estamos facendo. A realidade destes orzamentos é que queremos mellorar os aparcamentos públicos, cubrir as pistas polideportivas do Milladoiro, recollemos unha axuda para as familias con intolerancias, imos levar a nosa propia auga a Bertamiráns, O Milladoiro e todo o entorno e prescindir da auga de Santiago, e imos mellorar o servizo de abastecemento da parte alta da avenida da Maía, en Bertamiráns. Vostedes din que non temos prioridades, si que as temos, pero non coinciden coas súas”. Ademais, avanzou “estamos traballando nun proxecto de vivenda pública e ademais xa lle cedemos seis parcelas no Milladoiro á Xunta para construír máis de 200 vivendas públicas”.