O PP pide que se corrixa o criterio poboacional do programa MercaNaVila da Deputación da Coruña, que deixa fora a Ames 

O Grupo Municipal do Partido Popular de Ames considera inaceptable que a Deputación empregue fondos públicos provinciais para discriminar concellos en función dun límite poboacional fixado sen xustificación técnica nin económica suficiente. Ames conta cunha poboación a 1 de xaneiro de 2025 de 33.276 habitantes según datos do Instituto Nacional de Estadística (INE), situándose nunha franxa intermedia que o exclúe automaticamente do programa MercaNaVila. “A súa realidade, porén, non se corresponde coa dunha gran cidade”, afirman. “Presenta unha estrutura territorial dispersa e policéntrica, que dificulta a concentración da actividade económica e o seu tecido comercial está formado maioritariamente por pequenos negocios e autónomos, moitos deles de carácter familiar. Os cales merecen, e deben merecer especial atención das Administracións públicas”, inciden os populares.

Para o PP de Ames, “a Deputación, ao ignorar estas circunstancias, está a castigar inxustamente a comerciantes e consumidores dun concello que contribúe economicamente á provincia pero queda á marxe das políticas de apoio”.