28 Maio, 2020

O prazo de reinscrición ou renovación de praza nos servizos complementarios de educación pecha o día 1

O departamento de Educación do Concello de Ames reabriu o pasado 18 de maio o prazo de preinscrición e renovación de praza para os servizos complementarios de educación e conciliación, que engloban á Rede de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas, para todos aqueles pais e nais que desexen que os seus fillos/as sexan usuarios/as destes programas no próximo curso escolar 2020-2021. Os usuarios e usuarias que desexen obter praza por primeira vez terán que realizar a correspondente preinscrición, mentres que os que xa estean de alta nestes servizos na actualidade poderán renovar a súa praza. No caso de non realizar a renovación no período de tempo estipulado perderase a praza. O mesmo acontece se teñen algunha débeda pendente co Concello de Ames.

A tramitación das preinscricións e da renovación pódese realizar a través da páxina web www.conciliames.org.

Implantación dos servizos na Escola Unitaria de Covas
A principal novidade deste ano é a implantación dos servizos complementarios de educación e conciliación na Escola unitaria de Covas. Desta maneira, as crianzas matriculadas nesta escola tamén poderán solicitar o servizo de comedor e de Bos días cole.