Ramón García Argibay é o voceiro do grupo municipal do Partido Popular no noso Concello. Veciño de Biduído, foi tenente de alcalde e concelleiro polo Partido Popular, e impulsou durante un tempo outra formación, Pacto por Ames, que finalmente se reintegraría no PP en 2018. Con el analizamos os últimos catro anos de políticas da Xunta en Ames e as expectativas do Partido Popular para o domingo electoral.
Que balance facedes da lexislatura autonómica 2016-2020 para Ames?
Foi unha lexislatura moi positiva para Ames porque se levaron a cabo infraestruturas importantísimas, coma o centro de saúde do Milladoiro ou o instituto do Milladoiro -que foi un pouco anterior-, a ampliación do Agra do Muíño de Bertamiráns, completouse o asunto da potabilizadora de Ames -que é unha infraestrutura fundamental-, entre outras. Ademais incluso se transferiron infraestruturas autonómicas que eran interesantes para o concello, como a Avenida da Maía. Desenvolvéronse moitas actuacións no Servizo de Axuda ao Fogar, cun investimento de moitísimos cartos, aumentando o volume de recursos previos. E no relativo ao transporte metropolitano, está o plan xuvenil onde todos os mozos e mozas poden ir gratuitamente no autobús, algo necesario nun dos concellos máis novos de Galicia. Dende logo, o presidente Feijoo ten moi claro que Ames é unha localidade moi importante en Galicia debido ao seu capital humano e mozo. A proba está nesas infraestruturas que se fixeron, que aínda que non sexan suficientes, se o comparamos co resto de concellos, podemos dicir que o presidente Núñez Feijoo foi o mellor alcalde de Ames.
Que se xoga Ames nestas eleccións?
Eu creo que se o Partido Popular ten a maioría absoluta e Feijoo volve ser o presidente, vaise continuar na mesma liña. Está aí por exemplo o novo colexio do Milladoiro, que é unha dotación educativa fundamental para o concello que xa ten os cartos consignados. Por tanto, non vai haber ningún tipo de problema se o presidente segue a ser Feijoo. En canto á depuradora de Sisalde, hai que acometer unha obra importante -probablemente arredor de 5 ou 6 millóns de euros- que asumirá a Xunta. Como dicía antes, o presidente Feijoo foi o mellor alcalde de Ames ata agora. Se pensamos en que se fixo dende o Concello e que e fixo dende a Xunta, non hai cor. Iso estaría garantido se o presidente segue a ser Alberto Núñez Feijoo.
Que expectativas ten o PP nestas eleccións?
Eu creo que son boas, e así o din as enquisas, aínda que non cómpre fiarse por completo dela porque non deixan de ser precisamente iso, enquisas. Eu creo que as expectativas son moi boas. Consideramos que o PP pode ter maioría absoluta en Galicia e chegar ao 42 ou 43% do voto en Ames. Iso sería un resultado ideal porque significaría un pulo importante ao proxecto do Partido Popular a nivel local e autonómico. Temos as mellores expectativas, pero os resultados de verdade serán os do domingo. Aínda que temos boas sensacións, non podemos deixar o que queda de campaña. Hai que dar o último esforzo.