4 Xuño, 2020

O regulamento de terrazas, a consulta pública

O primeiro regulamento de uso de espazos públicos para a hostalería e negocios está próximo de ser unha realidade en Ames, onde ata agora só a ordenanza fiscal reguladora, derrogada ante a crise da COVID-19, rexía esta actividade. O Concello acaba de rematar o borrador deste novo documento que xa foi remitido aos grupos municipais da oposición, ás asociacións de empresarios e comerciantes de Ames, á Asociación de Hostalería de Santiago e aos diferentes locais de hostalería de Ames con terraza. Estes actores sociais, políticos e económicos poderán facer achegas ao longo do mes de xuño. 

Este novo regulamento procura, segundo o Concello, ordenar e sistematizar as normas para o aproveitamento dos espazos públicos, así como mellorar a calidade urbana, actualizar as licenzas e vixiar o cumprimento da accesibilidade. O alcalde, José Miñones, asegura que o regulamento 
“permitirá ordenar o crecemento comercial destes últimos anos á vez que harmonizar a imaxe xeral das terrazas que se atopan no noso concello”.

O regulamento inclúe novidades como a ocupación de postos na rúa por floristerías e froiterías, a instalación en prazas de estacionamento, o peche de terrazas, a accesibilidade e a separación de 1,5 metros das fachadas, a regulación de horarios ou o sistema de sancións. O regulamento deixa explicitamente fóra do seu ámbito de competencia as instalacións de festexos populares e festas patronais, que requiren dunha normativa propia. 

O documento regula, igualmente, o procedemento de outorgamento de licenzas, con ánimo de simplificalo. Así, recóllese nun único artigo a documentación que debe aportarse polo interesado xunto coa solicitude, así como os requisitos que debe cumprir.

Derrogación da ordenanza de terrazas
Todos os grupos políticos da Corporación municipal concordaron na necesidade de medidas económicas en favor do sector hostaleiro, dos máis danados pola crise da COVID-19. A derrogación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público foi derrogada en maio de xeito unánime.

Esta medida permitiralle aos propietarios de bares, cafeterías e restaurantes, así como outros comercios, quedar exentos en 2020 da taxa pola colocación de terrazas e postos. A derrogación da vella ordenanza fiscal deixa ao Concello sen 18.000 euros en ingresos por terrazas, pero dá un respiro a un dos sectores económicos máis castigados.