A Xunta anunciou o mes de xaneiro a convocatoria de 2.628 prazas en 61 especialidades nas oposicións de educación de 2022. A convocatoria acumula as ofertas de emprego de 2021 e 2022. Este proceso adiantouse ás modificacións no modelo de selección que prevé o Goberno estatal a través dun Real Decreto. A Xunta argumenta que fai así “para darlle seguridade” ás persoas que opositan. Pola súa banda, os sindicatos coidan que esta convocatoria se fixo ás présas e, ademais, que non resolve os problemas estruturais do ensino.
Falamos co secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Turismo, Manuel Vila, sobre esta convocatoria e a situación do ensino despois de dous anos de pandemia.
Galicia vén de convocar unhas oposicións docentes cun volume importante de prazas. Que nos pode dicir delas?
Galicia está cumprindo co cronograma de cobertura das prazas docentes de necesaria reposición. Imos cubrir o 100% destas prazas. Como consecuencia da pandemia alterouse o calendario de exames e nesta ocasión xúntase 2021 e 2022 nesas 2.628 prazas. Vanse realizar os exames a partir do 18 de xuño. As convocatorias vanse realizar co sistema coñecido polos opositores. Deste modo dáse seguridade xurídica ás persoas que optan ás prazas, tanto de oposición libre como interinas. . Gustaríame engadir que nestes anos renovouse un terzo de todo o profesorado de ensino publico, uns 30.000 profesionais. Convocáronse 13.000 prazas.
Semella que buscaban unha certa contradición co Goberno central pola premura da convocatoria, antes da publicación do Real Decreto que mude o sistema.
En ningún caso buscamos enfrontamento. A Xunta ten o seu propio calendario. Esta convocatoria faise no marco regulatorio actualmente vixente. Cando entre outro marco regulatorio adaptarase a este. Ata agora o Estado só nos trasladou borradores, e ata que haxa un novo Real Decreto Galicia ten a potestade de seguir co seu cronograma actualmente vixente, coñecido e que dá seguridade xurídica a todas as persoas que optan. Cando varíe o marco regulatorio, aplicarase. De todos os xeitos, se ese marco de regulación procura estabilizar o persoal interino, en Galicia xa o fixemos co índice de interinidade máis baixo, fronte ao 25% do estatal.
Os sindicatos falan de apresuramento e de escasa mellora nos ratios…
Nós seguimos o calendario da Consellería, sacando convocatorias cada ano. Destaco a sistemática coherencia destas convocatorias anualmente. Sobre os ratios, Galicia ten os máis baixos do Estado despois de Extremadura, segundo recoñece o Ministerio. Non é unha crítica aceptable.
E que efectos tivo a pandemia no ensino?
Os efectos aínda se sofren e probablemente duren no tempo. Os sistemas educativos, e o galego en concreto, demostraron unha enorme resiliencia. Neste test de estrés demostrouse unha fortaleza enorme. As comunidades educativas fomos capaces, traballando conxuntamente, de manter a presencialidade nas aulas, o que non sucedeu en moitos lugares de Europa nin noutras comunidades autónomas. Galicia mantivo presencialidade no curso pasado. Os protocolos funcionaron, mantivéronse as normas sanitarias, grazas á responsabilidade e compromiso de todos. As cousas sacáronse adiante cun enorme esforzo e o sistema demostrou a sua fortaleza. Dentro desta situación de non normalidade, o curso sacouse con certa normalidade académica.: as taxas de idoneidade e titulacións demostran que o sistema soportou as vagas de COVID. Isto non é unha casualidade senón froito dun sistema educativo coherente cos nosos magníficos resultados en calidade, equidade e inclusión. Galicia sempre está nos postos de cabeza, grazas a unha forte aposta polo investimento no ensino público: somos das comunidades que máis invisten por alumno nos centros públicos. A segunda tras Cantabria se non temos en conta as dúas comunidades forais. Damos moita importancia á educación. Iso permite que os centros poidan traballar nos ámbitos de innovación educativa, atención á diversidade ou retos do mundo dixital. O sistema educativo demostrou unha fortaleza enorme, e compromiso que é de agradecer a toda a comunidade educativa: profesorado, persoal non docente, familias e alumnado. Deron unha lección de responsabilidade nunha situación inédita para a cal non existían manuais.
E cales son os retos do ensino hoxe?
Os mesmos que en calquera sistema educativo no mundo. Vivimos unha situación inédita. Como se xestiona unha pandemia en calquera ámbito? O sistema educativo é unha ferramenta fundamental para medrar como persoas e cidadáns. A chave é que o sistema garanta a equidade e igualdade de oportunidades para os alumnos. O mundo é complexo e precisamos novas competencias para asumir situacións de gran incerteza. E despois está o desafío da revolución dixital que estamos a vivir. Hai que pensar, e por iso presentamos unha estratexia de innovación dixital 2020-2030, que máis do 90% dos futuros traballos van precisar de competencias dixitais. Algo que tamén nos preocupa moito é fomentar o espírito critico no alumnado, evitar a desinformación no ámbito dixital, actuar contra as fake news e populismos dixitais. É un reto enorme que está nas aulas. Temos que dar ferramentas e seguridade ao profesorado para que isto se traslade ao alumnado.
Agárdanse novas infraestruturas educativas en Ames. Como serán?
Unha das consecuencias e aprendizaxes da pandemia foi repensar as infraestruturas educativas para que sexan espazos sostibles e saudables. Buscamos espazos amplos, pensados para a mellora pedagóxica. Os novos centros que estamos planificando correspóndense co plan da arquitectura pedagóxica, xuntando a visión do arquitecto coa dos expertos en pedagoxía, os docentes, para que todo encaixe. En Ames imos ter no Milladoiro o primeiro CEIP construído en base ás pautas da nova arquitectura pedagóxica. Nós xa temos licitado o proxecto por 136.000 euros. Unha vez estea adxudicado, que está próximo, redactarase en 3 meses e licitarase a construción do novo centro, que será emblemático, por ser o primeiro deste tipo. Un investimento moi forte que rondará os 5 millóns de euros.
En canto á ampliación do CEIP Agro do Muíño xa se adxudicou o proxecto. Está pendente de asinar o contrato, e despois haberá 3 meses para a redacción do proxecto e despois licitaremos as obras. Destinamos máis de de 1,3 millóns de euros para ampliación. Son dúas infraestruturas nacidas co novo plan de arquitectura pedagóxica, con esa nova visión, que serán emblemáticos e mellorarán as infraestruturas dun concello dinámico e con crecemento como é Ames, que precisa acompañar esa realidade con infraestruturas educativas adecuadas.