4 Agosto, 2025

O Xeodestino Terras de Santiago promove as excelencias dos seus 11 concellos a través de mapas turísticos

O Xeodestino Terras de Santiago vén de editar os seus primeiros mapas turísticos, que inclúen un compendio das excelencias e atractivos dos 11 concellos que o integran: Ames, A Baña, Boqueixón, Brión, Negreira, Padrón, Rois, Santa Comba, Teo, Val do Dubra e Vedra. Uns folletos informativos que xa están dispoñibles de forma gratuíta nas oficinas de turismo, edificios municipais, aloxamentos e restaurantes do xeodestino.

“É a primeira vez que se difunde material informativo ou promocional coa nova imaxe do Xeodestino Terras de Santiago”, resalta José Antonio Marcote, voceiro da entidade, quen explica que estes mapas turísticos “conteñen información sobre os elementos patrimoniais de interese, o trazado dos Camiños de Santiago que atravesan o territorio e tamén sobre as datas e localización das feiras e mercados de proximidade, xa que estamos convencidos de que o sector primario e a calidade, frescura e autenticidade que lle outorgan á nosa gastronomía son unha das máis grandes fortalezas da nosa proposta turística ao visitante”.