Os irmáns Parga representan á Federación Española de Karate na Youth League de Guadalajara

A pasada fin de semana celebrouse na cidade de Guadalajara a Youth League de Karate. Preto de 3.000 deportistas de 80 países déronse cita, e entre eles destacaron pola súa participación os deportistas amesáns Xoan David Parga García e Olivia Parga García.

Xoan competiu na categoría junior <61 kg, logrando unha vitoria impresionante fronte a Portugal por 4-1. Porén, perdeu ante o representante turco, un dos mellores do mundo, quedando fóra da repesca xa que o turco foi derrotado en semifinais polo número un do mundo.

Olivia, pola súa banda, debutou na categoría U14 <42 kg representando á Federación Española de Karate. Tras vencer ás rivais de Portugal e Francia, perdeu por un axustado 3-3 ante a deportista de Malta, quedando eliminada ao non poder acceder á repesca, xa que a súa rival tamén foi eliminada na seguinte rolda.

Desta forma, os deportistas de Ames volven a reafirmarse como dúas das promesas galegas máis importantes do karate na actualidade.