11 Xullo, 2017

Os nenos e nenas de Ames participan no I Campus de fútbol sala do FC Meigas

Unha das curiosidades deste Campus é a presenza elevada de nenas

Ao longo desta semana, estase a celebrar o I Campus de fútbol sala organizado polo Fútbol Club Meigas, en colaboración co EFS Trasgos e o Concello de Ames. Dirixido a nenas nadas entre o ano 2001 e o 2012, así como a nenos nados entre o 2005 e 2012; o seu obxectivo principal é combinar os aspectos lúdicos coa aprendizaxe de diferentes elementos do fútbol sala.

Unha das curiosidades deste Campus é a presenza elevada de nenas, algo relativamente pouco común nos campus de fútbol sala. Todas elas pertencen ao Fútbol Club Meigas; e a maioría delas fan parte das categorías, benxamín, alevín e infantil do club. Neste sentido, como obxectivo deste campus, alén do fomento do fútbol sala e de valores ligados ao deporte, está o de potenciar a igualdade de xénero neste ámbito. Neste sentido, exprésase o coordinador do Campus, David Rial: “É moi bo que neste Campus teñamos tantas rapazas. Os rapaces son habitualmente maioría, polo que tamén está ben que eles vivan esta situación na que son eles minoría, que se familiaricen con ela. Penso que isto redunda na consecución da igualdade no deporte”.