O Concello de Ames abre o prazo para solicitar permiso para realizar cacharelas na noite de San Xoán. Ante a situación causada pola COVID-19, non están permitidas as cacharelas ou sardiñadas en terreos público. O prazo para solicitar permiso para facer cacharelas ou sardiñadas en espazos privados está aberto ata ás 14:00 horas do luns 22 de xuño.
As persoas interesadas deben presentar a solicitude correspondente a través da sede electrónica do Concello de Ames, ou enviando un correo electrónico co modelo de solicitude a rexistro@concellodeames.gal. A pandemia impide tamén a presentación de solicitudes no rexistro de maneira presencial.
O número máximo de persoas que poden asistir a unha mesma celebración axustarase ao disposto na normativa vixente o día 23 de xuño de 2020, que será a que regule a situación de emerxencia sanitaria, así como as demais recomendacións establecidas polas autoridades sanitarias competentes.