31 Agosto, 2017

Os rapaces amesás celebran unha Feira Medieval para rematar a Escola de Verán

A Escola de Verán tamén se caracterizou pola realización de diferentes xogos e polas actividades de auga

Este xoves, 31 de agosto, remata a Escola de Verán, que este ano tivo como liña temática as viaxes no tempo. Así, en xullo, as nenas e nenos participantes afondaron na historia dos romanos, mentres que en agosto mergulláronse de pleno no período medieval, que rematou coa organización dunha feira.

Escudos, xoiería, papiros, esculturas ou ferramentas foron algunhas das pezas que as nenas e nenos da Escola de Verán intercambiaron na feira medieval organizada o pasado mércores. Deste xeito, sacaron á rúa os obxectos que ao longo de agosto realizaron en diferentes obradoiros.

Para a ocasión, as nenas e nenos engalanáronse coas súas mellores roupas medievais, que foron realizadas por eles propios. Así, esta feira contou coa participación de artesáns, comerciantes, labregas e cabaleiras que estaban dispostas a intercambiar as súas pezas coas de outros compañeiros e compañeiras. As rapazas e rapaces participantes tamén foron os encargados de preparar os xogos que se ían levar a cabo durante o desenvolvemento da feira; xogos populares con algunha ligazón co medievo.

Alén dos preparativos da feira, que se sucederon ao longo de todo agosto coa execución de diferentes obradoiros, a Escola de Verán tamén se caracterizou pola realización de diferentes xogos e polas actividades de auga (para as máis pequenas e pequenos) e de piscina (para as e os máis grandes).