A Escola de Verán continuará a desenvolverse ao longo do mes de agosto, con actividades centradas na historia do período medieval
Neste último día de xullo, as nenas e nenos usuarios da Escola de Verán prepararon a súa propia merenda, no obradoiro de cociña denominado como BertaChef. Alén diso, en días anteriores, as e os participantes máis maiores deseñaron un photocall, co que hoxe se fotografaron na festa de despedida. A Escola de Verán continuará a desenvolverse ao longo do mes de agosto, con actividades centradas na historia do período medieval.
A última xornada do mes de xullo comezou co Bertachef, un obradoiro de cociña no cal as nenas e nenos prepararon a merenda de media mañá. As máis pequenas e pequenos (nenas e nenos que cursan Educación Infantil) prepararon espetadas de froita; mentres que as e os máis maiores (de Educación Primaria) prepararon, alén das espetadas, ensalada e batidos de froita. Nun día tan especial como hoxe, que é o último para parte das e dos participantes, estiveron acompañados por dous reporteiros da TVG , do programa A Revista, que quixeron coñecer as actividades que estaban a realizar e o traballo feito polas monitoras e monitores para que todo estivese a punto cada día.
A merenda rematou con moitas bocas, mans e camisetas sucias. A seguir, comezou a festa con música e baile. A xornada rematou cunha sesión fotográfica diante do photocall previamente realizado polo alumnado. As nenas nenos tamén foron os encargados de tirar as fotografías.