A concellaría de Cultura presentaba a finais de xuño unha extensa e variada programación baixo o nome d’Os Seráns de Tapia. O programa orientábase a revalorizar a contorna da praia fluvial e achegar a cultura ao rural. Un mes despois, o Concello considera os obxectivos “máis ca cumpridos” e salienta que as cinco sesións deste mes de xullo completaron aforo, de 70 persoas en cada caso. Máis de 500 persoas pasaron ao longo do mes para desfrutar da programación, con propostas para todas as idades. O programa foi organizado pola concellería de Cultura, coordinado polas Bibliotecas Municipais, e en colaboración coa concellaría de Mocidade e Normalización Lingüística.
A quinta sesión dos Seráns de Tapia levou a maxia, as acrobacias, o humor e a poesía ás beiras do río Tambre. Elena Vives e a súa “A gata Xaponesa: As viaxes de Bowa” encandearon ao público cun espectáculo de circo e maxia. A actuación, que gañou o premio FETEN 2021 á mellor intérprete circense, sorprendeu a pequenos e maiores coa busca do destinatario dunha mensaxe que Bowa atopou nunha botella.
O xoves 22 foi a quenda da rapazada e as Broken Peach. O soul, o rock, o gospel, o funk ou o punk soaron na Praia Fluvial de Tapia da man deste grupo galego. As Broken Peach sorprenderon aos asistentes coas súas versións pero, sobre todo, coa súa posta en escena. A súa estética coidada e transgresora deulle un toque persoal a todos e cada un dos temas que interpretaron en Tapia ante o asombro e os aplausos da mocidade amesá.

A terceira edición dos Seráns de Tapia foi sinónimo de risas. Píscore subiuse ao escenario cun espectáculo que gañou o Premio do Público no Festiclown 2017 e 2019 e o Premio Domingos do Principal de Pontevedra. Píscore e a súa comedia musical meteuse ao público no peto co seu virtuosismo musical, a súa elegancia e unha estética moi achegada á comedia xestual máis clásica.
O xoves 8 de xullo a praia fluvial de Tapia encheuse de cativos, pais, nais e adultos desexosos de escoitar as sesións de contacontos. Contos para todas as idades e para todos os gustos dende o “Conto Contiño”, narrado polas animadoras á lectura da Biblioteca Municipal de Ames, Bibiana Calvo Ares e Divina Fernández Canosa, e “Andar os Biosbardos”, de Charo Pita. Pasando por “Lavandeiras” , de Vero Rilo e Sonsoles Peñadique para rematar co espectáculo “Estrelas”, de Soledad Felloza.
Os Seráns de Tapia comezaron o 1 de xullo co pregón de Manuel Otero Boquete, veciño de Tapia, músico e narrador. Boquete deulle paso, coa súa música e a súa retranca, ao monólogo “Contos de Contrabando” de Avelino González. O actor vigués aproveitou a contorna das ribeiras do Tambre para presentar unha escolma dos seus libros favoritos. Contou contos que liu, que viu, que lle gustaron e que quixo recomendar a todos os asistentes para que fixeran súa propia versión.
Balance “máis que satisfactorio dos Seráns de Tapia”, sinalan dende o Goberno, indicando que é “un programa que vai seguir acompañando aos veciños e veciñas de Ames ao longo do mes de agosto. “Os Seráns de Tapia” comezan o mes de agosto cun espectáculo de monólogos que promete ser moi malicioso”.