21 Xullo, 2025

Os traballos de reparación na piscina municipal do Milladoiro só permitirán a súa apertura parcial a metade da semana

O Concello de Ames informa que ao longo desta semana continuarán os traballos de reparación na piscina municipal do Milladoiro para que, unha vez se volva a abrir ao público a instalación, sexa con todas as garantías de seguridade para a veciñanza. Este retardo na reapertura prevista para o día de hoxe, luns 21, débese a que os danos da infraestrutura resultaron maiores do previsto inicialmente. Con todo, iranse habilitando zonas da instalación paulatinamente, polo que entre este martes e mércores abrirase ao público a piscina para os máis pequenos e a zona de lecer da piscina. 

A piscina municipal do Milladoiro permanece pechada dende o pasado martes, 15 de xullo, cando se detectou unha incidencia provocada polo desprendemento do liner que cubre o interior da piscina. As previsións iniciais eran abrir a instalación este luns, 21 de xullo, mais unha vez que foron avanzando os traballos de reparación e selado, comprobouse que a incidencia era máis complexa do analizado nun momento inicial. As obras de reparación non suporán ningún tipo de custo para as arcas municipais debido a que a citada obra se encontra en garantía.

Proxecto de ampliación

Por outra banda, dende o Goberno infórmase á cidadanía que xa se iniciaron os trámites para a elaboración dun proxecto de ampliación da piscina municipal do Milladoiro que se axuste á realidade poboacional da localidade e que teña en conta o crecemento previsto para os vindeiros anos.

Alternativa

A alternativa segue a ser a praia fluvial de Tapia ou as instalacións de Bertamiráns. No primeiro caso, o Concello confirmou a este xornal que non haberá incremento de frecuencias no servizo de transporte como se fixera no primeiro día que se detectou a ruptura do liner do vaso do Milladoiro, o pasado 15 de xullo.