O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, vén de realizar diversas obras de mantemento en diversos viarios municipais logo da sucesión de eventos meteorolóxicos que azoutaron Galicia nos últimos meses. É por iso que se levaron a cabo as tarefas de conservación en lugares do rural coma en Biduído (Paramuíño) e Bugallido, pero tamén na estrada principal de O Mercuto – Ameixenda, que chega ata a avenida de José Luis Azcárraga, en Bertamiráns. Tamén se arranxou a estrada da rúa Alcalde Lorenzo, en Bertamiráns. Ademais, cando o tempo o permita, realizarase a obra de aglomeración do aparcamento do Supercor (O Milladoiro), o arranxo da entrada do aparcamento que se atopa detrás da oficina da Policía Local, en Bertamiráns, o mantemento na ponte da Condomiña, e seguirase cos traballos de mantemento noutras zonas.
Achega da Deputación de 2025 e 2026 no POS+ 2026
Por outra banda, cómpre destacar que o Concello de Ames vén de aprobar nas últimas semanas o POS+ 2026. A través das Achegas provinciais de 2025 e 2026 vanse a executar seis actuacións: catro de pavimentación de viarios, a mellora e acondicionamento do parque da rúa Pardiñeiros, no Milladoiro (299.908,06 euros), e mailo acondicionamento das beirarrúas na avenida da Maía, en Bertamiráns (224.016,44 euros).
Destas seis actuacións, catro delas son proxectos de mantemento e pavimentación en diversos viarios do concello de Ames. Deste xeito, na Achega provincial de 2025 sufragaranse as pavimentacións do viario de Agro do Muíño (229.991,04 euros) e os viarios de acceso a Leboráns (43.128,84 euros), mentres que a través da Achega provincial de 2026 pavimentarase o viario de Guimaráns (165.112,16 euros) e o viario de Quintáns-Cortegada (186.386,83 euros).
Deste xeito, varias das estradas nas que se executaron na actualidade traballos de mantemento vanse a arranxar con cargo ao POS+ 2026. No proxecto de Guimaráns está incluído o arranxo da estrada de entrada ao núcleo de Costoia, o viario de Guimaráns por diante da farmacia, e a pavimentación do viario de Castrigo. Por outra banda, no proxecto do viario de Quintáns – Cortegada está incluído o viario do Mercuto, a pavimentación do viario Quintáns-Cortegada, a pavimentación do viario do Lombao ata A Igrexa, e o viario de Ventosa.