7 Agosto, 2017

A patinadora amesá, Nadia Iglesias, gañadora do campionato de Europa na categoría junior

Logrou un fito na historia da patinaxe galega ao ser a primeira patinadora artística de Galicia que consegue un ouro nun certame continental

A patinadora amesá, Nadia Iglesias de Salvador, vén de proclamarse o pasado venres, 4 de agosto, campioa de Europa na modalidade libre de patinaxe artística. Este título chega despois de ser subcampioa europea xuvenil o ano pasado. Nesta ocasión conseguiu o título europeo cunha puntuación de 483,30 puntos superando ás patinadoras italianas, que partían como grandes favoritas. Cecilia Marocchi foi segunda con 455,89, mentres que a eslovena Jessica Marka logrou a terceira praza con 445,50 puntos.

Nadia Iglesias, que pertence ao Club de Patinaxe Artística Maxia da Coruña, e que estivo dirixida por Rosa García, fixo unha gran actuación na primeira xornada cun programa curto case perfecto, coas notas do sete xuíces, tanto no apartado técnico como no artístico, por encima do 8. Na segunda xornada tivo que abordar o programa longo. Deste xeito, a pesar dun pequeno fallo nada máis iniciar a súa actuación, que lle penalizou dúas décimas, a patinadora amesá volveu a realizar unha brillante actuación que lle permitiu dispor dunha puntuación moi alta, sempre superando o 8, e así conseguiu o seu primeiro título de Europa. Ademais, logrou un fito na historia da patinaxe galega ao ser a primeira patinadora artística de Galicia que consegue un ouro nun certame continental.

Nadia Iglesias, que xa está en Ames, explicou que “o certo é que durante toda esta tempada esforceime moito nos adestramentos e xa desde un principio tiña o obxectivo de ser campioa de España para poder clasificarme para o europeo e o mundial. Unha vez que me proclamei campioa de España xa tiña en mente novos retos e ilusións e foi cando pensei que podía chegar a gañar o ouro no Europeo, aínda que máis coma un desexo que como algo real”.

Nadia Iglesias síntese ilusionada e con forzas para ir ao mundial júnior, que se vai disputar en Nanjing (China) do 26 de agosto ao 10 de setembro

En canto á participación no campionato europeo, a patinadora amesá destacou “o programa curto foi realmente bo, sentinme moi cómoda cun baile no que gocei moito. Aí xa notei que gañar o europeo podía ser máis real, aínda que sabía que o que realmente é determinante é o programa longo, xa que a puntuación se multiplica por tres. O programa longo foi tamén moi ben e a puntuación final así o amosa, xa que 30 puntos de diferenza coa segunda clasificada son moitos puntos para ser un campionato de Europa”.

Por último dixo sentirse ilusionada e con forzas para ir ao mundial júnior, que se vai disputar en Nanjing (China) do 26 de agosto ao 10 de setembro. “É o primeiro mundial ao que vou e xa sinto unha mistura de nervios e ganas moi grandes. Acudir a un campionato do mundo é o soño de todo deportista e síntome xenial e tamén cun punto de presión de que agora non podo fallar. O único que quero é pasalo ben e ogallá poda colgarme outra medalla, aínda que o obxectivo é facelo ben”.