Os irmáns Paula e Manuel Blanco Prol participaron no Campionato Galego de Kickboxing das modalidades “tatami sports”, que se celebrou os días 5 e 6 de febreiro en Marín, evento clasificatorio para os Campionatos de España. Paula Blanco proclamouse dobre campioa galega absoluta en “pointfighting” e “light contact”, e rematou segunda na proba de “kicklight”. Pola súa banda, o seu irmán pequeno, Manuel Blanco, proclamouse campión cadete en “light contact” e subcampión en “pointfighting”. Os dous irmáns compiten e adestran co Club ITF Noia.
Paula, que compite en categoría absoluta, entrou no mundo dos deportes de contacto aos 5 anos, cando empezou a practicar taekwondo como actividade extraescolar. Dende esta arte marcial deu o paso eventualmente ao kickboxing, unha disciplina máis dirixida á competición. No 2016 gañou o campionato de España na categoría previa á absoluta, e dende entón Blanco é considerada deportista galega de alto nivel. Xa en categoría absoluta, gañou o Campionato de España en 2019 e 2021, un título que espera revalidar este ano.
Pola súa parte, o seu irmán pequeno, Manuel, leva viaxando con Paula dende pequeno a diversos campionatos por toda a xeografía galega e española, o que o animou a practicar tamén este deporte. Na actualidade compite en categoría cadete menor, que inclúe nenos dos 10 aos 12 anos.
