O espectáculo de humor e música de Píscore encheu a praia fluvial de Tapia na tarde do xoves 15. A xornada comezou ás 19.30 horas cando os artistas se subiron ao escenario nesta contorna natural. Píscore gañou o Premio do Público no Festiclown 2017 e 2019 e o Premio Domingos do Principal de Pontevedra. Píscore naceu na primavera do 2016 e homenaxea co seu nome á famosa Esther Píscore, trasunto da musa da danza, Terpsícore, nun coñecido gag de Les Luthiers. O espectáculo ten a premisa de facer rir ao público desde o virtuosismo musical, a elegancia e unha estética moi achegada á comedia xestual máis clásica.
A vindeira semana, o xoves 22 de xullo, os “Seráns de Tapia” acollerá concerto da banda de Rock&Soul das “Broken Peach” ás 20.00 horas.
Todas as actividades son de balde e non é preciso convite ou inscrición previa.