Realizaron diversas actuacións en prol da seguridade viaria a través das cales detectaron a varias persoas que conducían baixo os efectos do alcol
Durante o pasado mes de abril os axentes da Policía Local realizaron diversas actuacións en prol da seguridade viaria a través das cales detectaron a varias persoas que conducían baixo os efectos do alcol, evitaron un roubo nun local hostaleiro de Bertamiráns, detectaron a un condutor dun turismo que carecía do pertinente permiso de conducir, interviron nun presunto caso de quebrantamento dunha orde de afastamento e noutro presunto caso de violencia de xénero.
O día 8 de abril de madrugada os axentes recibiron unha alerta sobre un posible roubo nun local hostaleiro de Bertamiráns. A Policía Local trasladouse ao lugar dos feitos e puido evitar que entrasen en dito establecemento. Finalmente, só houbo danos exteriores no local. Uns días despois, o día 14 de abril, na quenda de mañá, os axentes da Policía Local cando estaban realizando funcións de control de vixilancia e disciplina do tráfico no Milladoiro, detectaron a un condutor dun turismo que carecía do pertinente permiso de conducir tras perder todos os puntos asignados legalmente. Neste caso instruíronse as correspondentes dilixencias por este delito.
Ademais, o día 18 de abril pola tarde, os axentes da Policía Local de Ames foron alertados sobre o presunto quebrantamento dunha orde de afastamento en Bertamiráns. Despois de informarse sobre a situación, trasladáronse ata o lugar dos feitos para facer cumprir dita orde. O día seguinte os axentes tamén foron alertados da presenza dun varón, nun vehículo, que lle estaba facendo proposicións indecentes a unha veciña de Bertamiráns. Os axentes localizaron a esta persoa e realizaron as xestións oportunas ao respecto.
O pasado 24 de abril, na quenda de mañá, a patrulla da Policía Local foi requirida para asistir en Bertamiráns a unha presunta vítima de violencia de xénero
Por outra banda, realizaron diversas actuacións en prol da seguridade viaria a través das cales detectaron a varias persoas que conducían baixo os efectos do alcol. Deste xeito, durante a noite do 21 de abril cando se estaban realizando funcións de control de vixilancia e disciplina do tráfico en Bertamiráns, detectouse a dous condutores con síntomas evidentes de encontrarse baixo a influencia de bebidas alcohólicas. Unha vez feita as correspondentes probas deron un resultados de 0,64 mg/l e 0,48 mg/l. Ademais, a un deles tramitóuselle a correspondente denuncia administrativa por un positivo en drogas (cánnabis).
Durante a noite do 22 de abril a Policía Local levou a cabo un dispositivo especial de control das zonas de ocio e consumo de bebidas alcohólicas por parte da mocidade do concello. Os axentes tiveron que proceder á identificación de varios mozos por este motivo. Ademais, esa mesma noite a Policía Local foi alertada por unha pelexa nun local de ocio de Bertamiráns. Trasladados inmediatamente ao lugar dos feitos, procédese á identificación dos presuntos implicados, aínda que no lugar non había tal discusión, senón un problema entre unha exparella.
Por último, o pasado 24 de abril, na quenda de mañá, a patrulla da Policía Local foi requirida para asistir en Bertamiráns a unha presunta vítima de violencia de xénero. Trasladados inmediatamente ao lugar dos feitos realizáronse as correspondentes dilixencias, procedeuse á detención do presunto agresor, e axudouse á vítima para que recibise asistencia médica.