4 Agosto, 2025

Pregón de Arcea – Adames nas Festas do Milladoiro

O ‘Ames en Festas 2025’ acaba de comezar. Nesta edición do programa de festexos, no que xa se apostou desde un primeiro momento por ofrecer servizos para que as persoas con discapacidade poidan gozar das festas do mellor xeito posible, os pregoeiros das festas mantiveron a esencia inclusiva e diversa do ‘Ames en Festas 2025’. 

Os encargados de realizar o pregón inicial das festas da Madalena, no Milladoiro, foron catro mozos da asociación Arcea-Adames: Martín Barreiro, Moncho Corral, José Manuel Fernández e Carlos Pais. Dende a entidade, acolleron con moita alegría a escolla do colectivo como pregoeiros das festas, “xa houbo interese previo outros anos por parte da comisión de festas e, este ano, deuse a oportunidade perfecta para que puideramos facela”.

PREGÓN:

“Ola, boas noites veciñanza do Milladoiro.

Tamén queremos darlle a benvida a todas as persoas que vides a desfrutar das festas do Milladoiro.

Aquí estamos todos xuntos un ano máis para celebrar as festas da Madalena.

En primeiro lugar, imos presentarnos: Somos José, Moncho, Martín, Óscar e Carlos. Somos membros da Asociación Arcea-Adames.

A nosa asociación leva dende o ano 2003 traballando no Milladoiro pola plena inclusión das persoas con discapacidade.

Somos veciñas e veciños de Ames, Teo e Santiago. Estamos a traballar ao carón da biblioteca, podedes vir visitarnos cando queirades e, se vides á hora de xantar, comemos no Ritrovo, que queda cerca do noso taller.

Queremos darlle as grazas á comisión de festas por pensar en nós para dar o pregón, fíxonos moita ilusión estar aquí con vós esta noite, especialmente a José Luís  e a Rubén, que sempre nos teñen presentes. Tamén queremos saudar a todos os membros do Concello de Ames.

Nestes tempos de tecnoloxía e intelixencia artificial valoramos moitísimo que a veciñanza do Milladoiro sempre nos saúde e sexa cercana connosco. Fai falta máis conexión para seguir na integración.

Aproveitando que son as festas da nosa señora pedímoslle que nos axude para que a obra da nacional remate pronto e non chore como unha Madalena.

Moitas grazas e boas festas!”.

Pregón da Peregrina

Por outra parte, o pregón final das festas da Peregrina, en Bertamiráns, correrá a cargo de Ronald Rojas, inmigrante de Venezuela que leva xa varios anos residindo na localidade amesá. Dende a comisión de festas de Bertamiráns, buscouse “representar un dos temas máis de actualidade e que máis toca de preto ao noso municipio como é o da inmigración. O noso obxectivo era darlle un recoñecemento a unha parte moi importante da poboación de Ames e que se sintan tamén parte do municipio nuns días nos que o sentimento de comunidade é tan importante como son nas festas”, apuntou Miriam Souto, unha das representantes da comisión de festas de Bertamiráns.