27 Marzo, 2025

Preséntase a programación “Abril, mes do Libro en Ames”

O Concello de Ames, a través do departamento de Bibliotecas municipais, presentou o pasado 26 de marzo unha programación específica co gallo da celebración do Mes do Libro. Ao longo do mes de abril haberá contacontos, obradoiros, encontros literarios, teatro infantil, actividades do programa Apego, visitas escolares do alumnado da EEI do Milladoiro á biblioteca do Milladoiro, un concurso de debuxo infantil, un concerto de Lydia Botana, e a presentación do libro antolóxico cos textos premiados no XXI Certame literario. Ademais, organízase a IV campaña Superlectores/as que se vai desenvolver do 1 de abril ao 24 de outubro nas bibliotecas de Ames. Premendo nesta ligazón podes descargar a programación completa.

O mes de abril é, por excelencia, o Mes do Libro, pois o día 2 celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e o 23 é o Día Internacional do Libro. Como cada ano, ambas as dúas efemérides traen un mes de programación especial nas bibliotecas do concello de Ames. Desta volta, o mes do libro incluirá obradoiros, sesións de contacontos, encontros literarios, concursos de debuxo, teatro infantil, visitas escolares do alumnado da EEI do Milladoiro á biblioteca do Milladoiro, etc. Ao acto de presentación da programación asistiron o alcalde e responsable do departamento de Bibliotecas, Blas García; e maila animadora á lectura das bibliotecas municipais, Divina Fernández.

Durante a súa intervención, o alcalde destacou “o traballo que se fai dende as bibliotecas municipais de Ames, un traballo que se vén facendo dende hai moitos anos e que hai que seguir mantendo pola importancia que ten. É moi importante esta programación porque é fundamental fomentar a lectura entre os máis pequenos e pequenas, porque así van adquirindo o hábito de ler, pero tamén é importante fomentar a lectura entre as persoas adultas. Coas novas tecnoloxías parece que se está perdendo un pouco o hábito de coller un libro en papel e ler unha boa historia”.

Ademais, a animadora á lectura das bibliotecas municipais, Divina Fernández, explicou que “abril é un mes moi importante para as bibliotecas porque celebramos o mes do libro. Temos un mes cargado de actividades con contacontos, obradoiros, encontros literarios, etc. Este ano como novidade temos un concerto o día 2, para celebrar o Día Internacional do Libro Infantil, e o día 28 un espectáculo de teatro infantil, a cargo de Tanxarina compañía de títeres, baseado nun libro de Carlos Labraña. Ademais, volvemos a organizar o tradicional concurso de debuxos infantil e ponse en marcha a cuarta campaña de Superlectores, que remata no mes de outubro con motivo do Día da Biblioteca”.

A programación do Mes do Libro comeza os días 1 e 3 de abril, ás 17.30 horas, con novas sesións de contacontos na biblioteca de Bertamiráns, que xirarán arredor da temática “Son, son… quen son?”. Esta mesma actividade realizarase os días 22, 23 e 24, tamén ás 17.30 horas, na biblioteca do Milladoiro. As sesións de contacontos están dirixidas a nenos e nenas de 3 a 8 anos.

As inscricións para os contacontos de Bertamiráns están abertas ata o vindeiro día 29. Para as sesións do Milladoiro, o prazo estará aberto desde o 7 ata o 16 de abril. As inscricións para participar nas sesións de contacontos poden facerse chamando por teléfono, ao 981 884 829 (Biblioteca de Bertamiráns) ou ao 981 530 807 (Biblioteca do Milladoiro), ou enviando un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal no que se indique o nome, apelidos e idade das crianzas participantes xunto cun teléfono de contacto.

O martes, 2 de abril, ás 17.30 horas, con motivo do Día Internacional do Libro Infantil, está previsto un concerto no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta actividade, que está dirixida ao público familiar, é unha das principais novidades da programación. Os convites para asistir ao concerto poden adquirirse na Billeteira electrónica

“De aquí para alá, coas emocións”, de Lydia Botana, é unha fermosa viaxe dunha bolboreta a través de diferentes ritmos, que dá a volta ao mundo. Acompañados de xéneros musicais como a bossa nova, o rap, a salsa, o reggae ou o ska a bolboreta conseguiu recuperar as súas cores, cada unha delas representando diferentes emocións. Todo elo da man de catro artistas sobre o escenario con proxeccións de animacións audiovisuais.

Por outra banda, durante o mes de abril realizarase un obradoiro de encadernación xaponesa, dirixido aos rapaces e rapazas a partir de terceiro de primaria, e que se desenvolverá no Milladoiro o venres 25 de abril, ás 17.00 horas, e en Bertamiráns o sábado 26, ás 11.30 horas.