19 Novembro, 2020

Protección Civil contará cun quad para realizar traballos de vixilancia nos Camiños de Santiago

O pasado mércores, 11 de novembro, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior resolveu no DOG a adxudicación, en réxime de concorrencia competitiva, de equipamentos de emerxencias a concellos de menos de 50.000 habitantes grazas ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Deste xeito, ao Concello de Ames asignóuselle un vehículo UTV (Utility Task Vehicle), que é un tipo de quad que será empregado polos voluntarios e voluntarias da Agrupación de Protección Civil.

O obxectivo desta adxudicación responde ao eixe 5 do programa co que se pretende promover a adaptación ao cambio climático e á prevención e xestión de riscos, así como fomentar o investimento para facer fronte a riscos específicos, garantindo unha resiliencia fronte a catástrofes desenvolvendo sistemas de xestión de catástrofes.

Nesta resolución, a Agrupación de voluntarios e voluntarias de Protección Civil de Ames,  que leva activa dende 2017, benefíciase dun novo vehículo co que realizar o seu traballo. Trátase dun UTV (Utility Task Vehicle) con clasificación T1b, un vehículo tipo quad, que será usado  para desenvolver diversas tarefas como controlar e vixiar os Camiños de Santiago ao seu paso por Ames, realizar labores de asistencia en diferentes eventos municipais, especialmente no rural, buscar persoas desaparecidas e acudir en incendios forestais, entre outras labores.

O concelleiro de Protección Civil, Blas García, destaca que “este novo vehículo é un premio máis para esta Agrupación de Voluntarios e Voluntarias polo seu traballo, xa que anualmente supera os máis de 1.000 operativos”. Ademais, asegura que “con este UTV mellorarase o servizo tanto con control e apoio a eventos, como posibles emerxencias no ámbito rural e urbano”.

Arredor de 800 accións no que vai de ano
A presenza da Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil, tanto en actos e eventos municipais e cidadás, como en sucesos imprevistos é notoria desde a súa posta en marcha en Ames no ano 2017. Só desde o 1 de xaneiro deste ano 2020 e ata este mes de novembro , Protección Civil de Ames contabiliza arredor de 800 actuacións.

O colectivo interviu nestes meses en 74 accidentes de estrada, recolleu 70 animais soltos, prestou 2 asistencias sanitarias, actuou en 29 incidencias de circulación, fixo 196 operativos, atendeu 11 verteduras, estivo presente en 5 salvamentos de rescate, foi requirida nunha ocasión por forzas de seguridade e noutra para ofrecer información xeral e contabiliza 397 partes doutras incidencias, tais como incendios urbanos e forestais, vixilancia dos camiños de Santiago ao seu paso por Ames e apoio en labores derivadas da crise do coronavirus.