26 Xaneiro, 2021

Protección Civil recibe un vehículo para zonas de difícil acceso

A agrupación local de Protección Civil de Ames conta cun novo vehículo de intervención rápida en zonas difíciles. Trátase dun UTV -vehículo para tarefas rápidas- que será utilizado para vixiar os camiños de Santiago ao seu paso pola localidade, realizar labores de asistencia en diferentes eventos municipais, especialmente no rural, e atender calquera emerxencia en zonas de acceso complicado. O vehículo foi entregado ao Concello de Ames esta mañá pola Dirección Xeral de Emerxencias da Xunta de Galicia.

Só catro concellos da Comunidade autónoma de Galicia contan cun UTV (Utility Task Vehicle) UTV con clasificación T1b coma este. “Este novo vehículo é un premio para todos e para todas os voluntarios e voluntarias”, declara o concelleiro de Protección Civil, Blas García: “aquí hai hai un cachiño de cada unha das persoas que ao longo destes tres últimos anos, desde o inicio da andaina de Protección Civil en Ames, levan deixándose a pel, de forma altruísta, en beneficio de toda a comunidade”.

“Cando eliximos o vehículo, pensamos nas tarefas que na vixilancia dos camiños de Santiago que pasan por Ames, nas probas deportivas, nos eventos que se fan no rural e tamén nas intervencións que as veces nos vemos obrigados a realizar en zonas de difícil acceso; este vehículo facilitaríanos incluso a busca de persoas desaparecidas; é un vehículo de intervención rápida e moi acaido para zonas complicadas”, declara o presidente da Agrupación de Voluntarios e Voluntarias de Protección Civil de Ames, Juan Pérez Crespo.

O 11 de novembro, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior resolveu a adxudicación de equipamentos de emerxencias a concellos de menos de 50.000 habitantes grazas ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Foi o momento no que se lle asignou ao Concello de Ames o UTV (Utility Task Vehicle) que será empregado polo voluntariado da Agrupación de Protección Civil.

O novo vehículo súmase ao resto da frota coa que conta neste momento a Agrupación de Protección Civil de Ames: un todo terreo 4×4, un vehículo tipo 4×2 “todo camiño”, un remolque para intervención de incendios, outro para inundacións e dúas bicicletas. Está previsto que en breve se solicite a deputación provincial unha scooter.