17 Novembro, 2020

Reparto de alimentos non perecedoiros para 300 familias sen recursos

Ata 300 familias de Ames volveron beneficiarse do segundo reparto anual de alimentos non perecedoiros por parte do Programa Municipal de Alimentos. O reparto fíxose a partir do fondo de axuda europea para persoas desfavorecidas (FEAD) e dirixiuse ás familias con menos recursos do municipio, arredor de 160 no Milladoiro e 130 en Bertamiráns. 

Repartíronse conservas de froita, verdura e peixe; pasta e arroz; legumes; leite; bolachas e alimentos infantís. En total, as familas adheridas ao programa reciben tres lotes ao ano destes produtos, en función do número de membros da familia e das súas necesidades -presenza de lactantes, adultos ou menores con problemas alimentarios, etc-. 

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijoo, sinalou que a pandemia e o peche de negocios están a incrementar as solicitudes de axudas que recibe o Banco Municipal de Alimentos. “Con este programa intentamos axudar na medida do posible a paliar as dificultades que teñen algunhas familias do noso concello para o acceso a unha alimentación adecuada”, sinalou e edil. Feijoo salientou que os alimentos repartidos buscan garantir tres comidas diarias equilibradas. Ademais destas grandes reparticións hai repartos puntuais semanais, así como reparto de froitas e verduras quincenais e cestas saudables semanais.

Poden solicitar esta axuda as familias empadroadas no concello que non teñan acceso a medios económicos e precisen satisfacer a necesidade básica de alimentación.

.