28 Setembro, 2020

Retiran o mobiliario dunha cociña enteira do río Sar

O domingo 27 de setembro desenvolveuse a actividade “Móllate polos ríos”. Coordinada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), e con participación municipal no noso municipio, esta iniciativa consiste na limpeza simultánea de lixo en distintos ríos e regatos de Galicia. As oito persoas voluntarias que participaron en Ames estiveron divididas en dous grupos e recolleron 30 quilos de lixo encontrado no rego dos Pasos, na contorna do paseo fluvial de Bertamiráns e, incluso, se atoparon con electrodomésticos e mobiliario de cociña no río Sar. Neste último tramo, no río Sar, a diferenza do primeiro, no rego dos Pasos, na que se percibiu a mellora na limpeza con respecto ao ano anterior, destacou a cantidade de escombros atopados e o mal estado das augas.

Rego dos Pasos
O primeiro grupo recolleu o lixo do rego dos Pasos, na contorna do paseo fluvial de Bertamiráns. No primeiro tramo da ruta é onde máis limpeza se tivo que facer xa que había restos de lixo. Os voluntarios e voluntarias encontraron latas de cervexa, vasos, paquetes de tabaco, así como botellas ou cabichas. En total, o grupo de voluntarios reuniron 30 quilos de lixo no rego dos Pasos.

Río Sar

O segundo grupo de persoas limparon o tramo do ríos Sar que vai dende Vidaloiso ata o Rial. Neste tramo comprobouse o nulo tratamento das augas xa que ata o río chegan compresas, bastóns de oídos e bolsas de plástico. Este lixo non foi o único atopado nas beiras deste tramo do río Sar: electrodomésticos e ata un mobiliario enteiro dunha cociña desfeita estaban no río, que actúa como verdadeiro vertedoiro.

Os labores de limpeza remataron arredor da 13.00 horas e as persoas participantes reuníronse de novo na praza do Concello para avaliar a natureza e quilos de lixo recollidos en cada rego e despois depositaron o lixo nos correspondentes contedores. Os datos acadados ao longo da xornada serán enviados a ADEGA, para a realización dun informe sobre o estado dos nosos ríos.