3 Febreiro, 2026

Reunión do Goberno co sector tecnolóxico e audiovisual de Ames para crear un grupo de traballo

Goberno municipal de Ames e unha ampla representación do sector tecnolóxico e audiovisual asentado no concello de Ames. O obxectivo de dito encontro foi ter unha primeira toma de contacto para crear un grupo de traballo e poder colaborar e realizar proxectos de forma conxunta. A previsión é manter unha reunión ao ano para manter contacto entre as distintas empresas e mailo Concello. A dito encontro acudiron 20 profesionais de ditos sectores que valoraron de forma positiva esta iniciativa. O Concello de Ames pertence á Rede de Cidades da Ciencia e a Innovación (Rede Innpulso), que é un proxecto impulsado e cofinanciado polo Ministerio de Ciencia e Innovación.

O alcalde, Blas García, explicou “dende o Concello hai tempo que estábamos pensando en facer unha reunión deste tipo na que poder xuntar a un número importante de representantes de empresas relacionadas coa innovación, a tecnoloxía e a comunicación. A nosa intención é poñer temas en común e falar do que podemos facer dende o Concello para traballar de forma conxunta con ditas empresas, pero ao mesmo tempo, para que vos poñades en contacto e vos coñezades entre vós. Deste xeito, o que pretendemos é crear sinerxías e estar en contacto”.

“Hoxe damos un paso importante porque xa nos poñemos cara e coñecemos algunhas das empresas que temos en Ames. Agardo que desta reunión saía algo máis produtivo de cara ao futuro. O feito de que nos poidamos xuntar unha vez ao ano e poñer en común os proxectos nos que traballades xa é algo moi positivo”. O alcalde tamén puxo en valor que Ames forma parte da Rede de Cidades da Ciencia e a Innovación (Rede Innpulso), que é un proxecto impulsado e cofinanciado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, e mailo traballo que se realiza no espazo colaborativo A Proa, que ten como obxectivo ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, dixo “Ames é un referente nos sectores tecnolóxico e audiovisual e temos empresas moi importantes nestes dous sectores, polo que queremos poñer en común ideas e proxectos. O Concello de Ames pertence á Rede Innpulso e este encontro enmárcase dentro dese eido da innovación que promove dita rede. Esta é unha mostra máis da colaboración que pode existir entre a administración local e mailo sector empresarial”. Ademais, trasladoulle aos representantes das empresas que o Concello de Ames está traballando na elaboración dunha guía de empresas.

A dito encontro acudiron 20 profesionais de ditos sectores que valoraron de forma positiva esta iniciativa. Participaron representantes das empresas Bahía Software; Catec-Galicia; Nanogap; Biostatech, Advice, Training & Innovation in Biostatistics, SL; DooingIT Ciberseguridad; Unayta Consultora Tecnológica; Iterdata Networks; H2Gz Energizing; Conic Vascular – CAST; Nortigalia NCTEC; Iluminaciones Santiaguesas; Carla Caamaño Conde (tradutora audiovisual freeelance); El creador de nubes; Serea Films, Indígena Films e Imagen más Deporte.

Conversa sobre as necesidades que detectan as empresas
Nesta xuntanza mantívose unha conversa sobre as necesidades que detectan as empresas e o que lles pode ofrecer o Concello como participar no evento Innovames, cesión de espazos municipais, bolsa de emprego de programas de emprego, posibilidade de colaboración, etc. Algúns temas que expuxeron as empresas foi a falta de persoal con alta especialización, o problema do transporte público para chegar ao posto de traballo, e a falta de vivenda no concello de Ames para que o persoal das empresas poida residir preto do seu posto de traballo.

Neste senso o rexedor municipal dixo que o Concello de Ames ofrece varios programas formativos, en colaboración coa Xunta de Galicia, como son os obradoiros de emprego e mailo programa integrado de emprego, polo que existe unha bolsa de traballo que podería adecuarse nalgúns casos ás necesidades dalgunha empresa. Sobre a problemática do transporte manifestou a necesidade de liberalizar AP-9 e tamén a necesidade de cambiar o sistema de transporte público da área metropolitana de Santiago. Ademais, dixo que se está traballando dende o Concello para dotar a Ames  dun sistema de transporte interno que una Bertamiráns e O Milladoiro, e un sistema baixo demanda que una o rural cos núcleos urbanos.

Outros temas que se abordaron foron a necesidade das empresas de ofrecer teletraballo ao seu persoal porque aporta competitividade, xa que cando queres dispor de persoal con talento hai que dar posibilidades a dito persoal. Tamén se abordou o tema da colaboración público – privada, que está aumentando porque axuda a completar a inversión dos propios empresarios/as; a necesidade de formación continúa para o persoal, a necesidade de mellores conexións e frecuencias no transporte público; e a necesidade de establecer canles de comunicación e divulgación en materia de innovación e tecnoloxía.

Sexta edición do InnovAmes 
Por outra banda, o Concello de Ames está organizando para o venres 20 de febreiro a sexta edición do InnovAmes, unha xornada de innovación para as empresas de Ames que se celebrará no pavillón polideportivo do Milladoiro e na que se contará coa participación da Secretaría xeral de innovación, Teresa Riesgo Alcaide. Neste senso a concelleira de Promoción Económica animou ás empresas participantes no encontro de hoxe a acudir e montar o seu propio stand no InnovAmes.