Rudy é un polifacético veciño de Quistiláns. Venezolano de orixe, chegou a Galicia por amor. Divorciado na actualidade e con un fillo, ao que enseguida te das conta que idolatra. Procede dunha familia de creadores artísticos. En Caracas, xa moi novo tivo que suplir no taller a seu pai, recoñecido escultor que faleceu xoven. A partires de ahí o mozo que ía para arquitecto dedicouse á escultura, á restauración dunha praza con obras de seu pai, á caricatura, e a estudar psicoloxía, sendo esta unha actividade que manten en paralelo coa creación artística.
Non esquezamos que tamén foi asesor de imaxe de personalidades e escenógrafo de teatro. Fixo varias exposicións, en solitario e colectivas, tanto en Venezuela como en Italia e en Galicia.
Publicou varios libros, o último en 2023, “Un mundo de todos pero no para todos”. Esta é unha constante preocupación de Rudy Daini, indagar na herdanza que deixamos aos nosos fillos como sociedade. Unha inquedanza que se reflicte nas obras que está a desenvolver no seu modesto taller. Nenos e nenas que representan os problemas que temos que afrontar, a inmigración, o consumo e a contaminación, a falta de profundidade de pensamento. Ten ademais un proxecto, crear un novo peregrino, versión en resina en tamaño natural, con información do camiño en código QR. Agarda conseguir un patrocinio para producilo en serie que se vexa en todas as etapas do Camiño de Santiago. Mentres, podemos observar esta creación á porta do seu taller, xunto as autocaravanas do seu amigo e caseiro José Luis.
“Ocorréuseme facer o peregrino. Unha versión nova que quero que se transforme nun ícono da peregrinaxe”.
“A creatividade permíteche entender as cousas dun xeito diferente”.
AMSGO: Por que razón te inclinas a traballar en tamaño grande, ou en tamaño natural, cando ao mellor era máis manexable outro formato máis pequeno?
Rudy: Eu tamén traballei pezas máis pequeniñas, pero a escala humana, a escala natural causa maior impacto. O meu pai foi escultor, un italiano que emigrou a Venezuela nos anos cincuenta, e fixo grandes obras. Tivo éxito, fixo moitos traballos, pero morreu novo, dun cancro, aos 57 anos. Quedou o legado do taller de fundición aos meus irmáns e a min. Eu encargueime da fundición de bronce e fixen traballos importantes. Restaurei as esculturas que fixera o meu pai nunha praza de Caracas. Estudiei arquitectura e paralelamente psicoloxía e traballei como psicólogo e como artista toda a miña vida. Tamén fun caricaturista, teño catro libros publicados. Fixen escenografías para un teatro. Sempre estiven vinculado coa arte, coa pintura, tamén teño cadros.
AMSGO: E a razón de virte para aquí, cal foi?
Rudy: Vin visitar á que foi a miña esposa. Casei e teño un fillo de 17 anos estudando no Instituto Rosalía. Despois do divorcio atopei un sitio onde aloxarme e traballar nun pequeno taller en Quistiláns. Eu estaba afeito a outras dimensións maiores, pero logrei adaptarme, facer talleres fusionando a escultura e a psicoloxía. Inquiétame a mocidade, o futuro que lle estamos deixando ás novas xeracións. Por iso fixen esta serie de esculturas con nenos a tamaño natural.
AMSGO: Como financias todo isto?
Rudy: Tiña uns aforros que vanse esgotando. Pero sempre tiven a confianza de que un debe facer o que lle gusta. O meu pai dicía: traballa primeiro que o demais vén só. Ocorréuseme facer o do peregrino. Unha versión nova que quero que se transforme nun ícono da peregrinaxe lonxe da figura, doutra banda respectable, do peregrino tradicional. Que sexa representativo do Camiño e cun QR que permita aos viaxeiros informarse a través dunha aplicación. Estou na tentativa de que unha axencia bancaria poida interesarse por facer varias. Ou tal vez un municipio.
AMSGO: Para iso sería importante sacalo de Quistiláns, dar a coñecer o proxecto, non che parece?
Rudy: A min non me gusta moito a publicación. Non teño tempo. Aínda que en Caracas fun produtor de vídeos, entre eles un documental sobre Frida Kahlo, ata de campañas electorais. Pero volvendo á pregunta, algún día farei unha exposición, as obras están aí, o peregrino venderase, e o que hai que facer son as cousas con bo gusto, que sexa un bo traballo.
AMSGO: Falemos un pouco do teu proceso de traballo. Coa influencia da forxa de bronce, realizas uns moldes onde substitúes o metal por resina, non é así?
Rudy: Cando inicias unha escultura traballas no material que sexa máis cómodo para ti. Hai xente que o fai en barro ou en plastilina. Hai outra que usa directamente xeso, é o caso dunha das figuras a tamaño real que che ensinei e que estou a esculpir aínda. Unha tolemia, comparado con modelar con barro. Eu aprendín observando ao meu pai no taller. Pero o tratamento da resina acrílica ou a resina de poliéster aprendino aquí, sobre a marcha. O molde de silicona si que é un avance respecto a os de goma laca que se utilizaban antes. A silicona rexistra perfectamente o que previamente moldeaches. Podes ir a unha forxa de bronce, hai dúas na comarca. Pero é moi custoso. E ademais cando descubrín as resinas e a súa posibilidade de darlles cor, gustoume como quedaban en cor branca. Convidei a varios artistas e coincidiron comigo. Os pedestais, van en cor, gardando relación co que representa a figura que soportan. Un ten que adaptarse e gozar do proceso. Pero se tivese a oportunidade de ter que abordar un proxecto en bronce podería facelo. Necesitaría un espazo máis grande.
AMSGO: O peregrino é policromado.
Rudy: Si. Uso as cores da bandeira de Galicia. Que transmita inconscientemente o sentimento de pertenza á terra.
AMSGO: Dedícaste tamén ao teu labor como sicólogo?
Rudy: En efecto. Antes facía talleres presenciais, agora estou centrado na rede. Traballo en liña, con clientes de Madrid, dos Estados Unidos e de Venezuela, maioritariamente. Ás veces dedico máis tempo ás consultas e aos cursos e outras dedícollo máis á arte. A creatividade permíteche entender as cousas de xeito diferente.