9 Febreiro, 2022

Santomil: “A nosa comunidade educativa é referencial no tocante á conciliación”

David Santomil é concelleiro de Educación en Ames. Preto de 2.500 nenas e nenos estudan en Ames en centros integrados nas competencias municipais. Conversamos con el sobre a situación do ensino nun municipio como Ames, que destaca en Galicia pola súa alta porcentaxe de xente nova e que nos últimos anos ten visto como medran as demandas educativas.

Como avalías o estado da educación en Ames?

Chegou unha situación da pandemia que mudou todo. Van facer dous anos, e condicionou por completo o funcionamento, as prioridades e a loxística do ensino. Refírome a gastos derivados da limpeza e hixiene, en particular, ademais de mantementos ou reparacións. Os primeiros víronse moi reforzados, particularmente en relación ao orzamento inicial. Foi un considerable sobrecusto. Ademais, a implementación dos protocolos COVID-19 obrigounos a reorganizar espazos para poder seguir prestando servizos e garantindo a seguridade das nenas e nenos. Demostrouse que os centros escolares son espazos seguros e co proceso de vacinación dos máis pequenos agardamos superar axiña esta fase.

A nosa comunidade educativa segue a ser, por outra banda, referencial no tocante á conciliación. Aí entra o Concello que mesmo compartindo competencias coa Xunta de Galicia, caso dos comedores escolares, somos un exemplo único a nivel estatal por volume de orzamentos e usuarios. Falo de programas como o Conciliames, Bos Días Cole, comedores, programas lúdicos como a Escola de Verán que beneficia a 2.000 familias… Temos unha comunidade educativa moi rica, moi nova e demandante de servizos de conciliación. A pandemia volveunos fundamentais, case tan importantes como a propia actividade lectiva.

A educación non é un comportamento estanco. Tan importante é a educación como a conciliación daquela?

Abriuse un debate sobre o papel dos centros de ensino como espazos educativos, que se ven complementados por servizos de conciliación. Pero o prioritario é o educativo e blindar as necesidades educativas en horario lectivo. A maiores diso, a realidade social e laboral lévanos a dotarnos de servizos de conciliación fundamentais para as familias. Cando non é así repercute negativamente na educación. Poño como exemplo as escolas infantís que sen a existencia de servizos de conciliación están abocadas ao peche. Afortunadamente, en casos como as unitarias de Ortoño e Covas, reforzamos o alumnado e os servizos. E no caso do centro da Maía, vimos como a falta de espazo do comedor escolar repercutía negativamente na perda de alumnado. Nun concello tan dinámico desde o punto de vista demográfico coma o noso, a ausencia dun servizo adecuado de comedor afectaba gravemente. Hai que buscar, xa que logo, ese equilibrio sen deixar de priorizar a parte educativa. Pero a conciliación é fundamental para favorecer a escolarización. Nós, seguindo a liña de moitos anos, seguimos priorizando un dos nosos atractivos demográficos.

Ames gañou moita poboación. Quedaron curtas as infraestruturas educativas?

Depende do centro e do momento, pero temos claro que despois de analizar a evolución demográfica futura do Concello, tivemos que demandar novos centros á Xunta. Iso permitirás cubrir as necesidades actuais, caso do Agro do Muíño cos desdobres da liña 2 á liña 3. A prioridade é esa ampliación de seis aulas de primaria. Pero tamén urxe o centro do Milladoiro en tanto que o colexio de Ventín estaba dimensionado inicialmente para unha zona rural da contorna do Milladoiro, pero hai anos que a súa capacidade é moi limitada malia a implementación de hai uns 9 anos. Perdéronse espazos comúns para habilitalos como aulas. Estase traballando nestas infraestruturas e agardamos que sexa unha realidade canto antes. Xa se adxudicou a ampliación do Agro do Muíño e vaise adxudicar o do novo colexio do Milladoiro. Correspóndenos despois executar o proxecto.

Dende o Concello mantedes unha actitude de diálogo coa Xunta. É bidireccional?

Penso que si. Nós iniciamos unha relación de colaboración mutua para solucionar problemas que afectan a ambas institucións. Xunta e Concello comparten competencias e as familias non diferencian se unha cuberta debe reparala a Xunta ou o Concello, ou se hai problemas no transporte escolar. O que se piden son solucións. Nós puxemos por riba da mesa dende o primeiro momento as necesidades comúns para buscar solucións. Estas solucións pasaban pola ampliación de centros escolares, mellorar instalacións e tamén construír o novo colexio. Teño que recoñecer que foron receptivos nese traballo realizado. Quero pór en valor o traballo realizado dentro do Consello Escolar municipal e por parte da inspección educativa que foi quen viu directamente esas necesidades obxectivas e informou delas. Hai orzamento, hai vontade política pero tamén hai unha demostración técnica das necesidades. Todas as pezas encaixaron para apostar firmemente por estas infraestruturas.

Ames mantén unha importante área rural e figuras como as escolas unitarias. Que desafíos formula a dupla alma urbana e rural do concello?

No ámbito rural non podemos esquecer as dúas unitarias, que foron prioritarias. Para o conxunto da poboación rural traballamos pola boa mobilidade cos centros urbanos e para que se valoren posibles cambios nas áreas de influencia dos centros. No seu momento só había un IES, o de Ames, pero agora hai outro no Milladoiro. O IES de Ames xa ten unha saturación elevada pero o do Milladoiro ten capacidade para acoller máis alumnado. Sería lóxico redistribuír as áreas de influencia para que os dous centros tivesen un nivel óptimo. E o grande reto que afrontamos no marco da axenda urbana é integrar os núcleos de Bertamiráns e do Milladoiro, e con Santiago de Compostela, para concibir Ames como un conxunto, aínda que sabemos da dificultade diso. O Milladoiro e Bertamiráns miran para Santiago pero aínda non miran entre si o suficiente. Tamén porque, como vilas periféricas, as comunicacións son en forma de V cara a Santiago. O gran reto está aí: artellar o ámbito educativo entre as urbes e co rural.

O Mapa Sociolingüístico Escolar de Ames identifica o ensino como un axente desgaleguizador. Pérdese xa un 10% de falantes de galego no primeiro contacto en infantil. Que se pode facer para corrixilo?

Sen dúbida, seguir a apostar pola inclusión do galego en todos os ámbitos educativos. O que se identifica neste estudo da RAG é que a medida que os alumnos avanzan en idade e superan ciclos educativos o seu emprego do galego é menor. Pero isto non é só atribuíble ao ámbito educativo: hai toda unha influencia externa coma as redes sociais ou medios de comunicación. O ámbito educativo é estratéxico pero non único. Deberían reforzarse outros moitos aspectos da vida social das nenas e nenos, pero nós dentro das nosas competencias facemos reforzo do galego no ensino. Poño por exemplo no monitorado das escolas deportivas ou programas de conciliación ou actiivdades municipais. Hai que facer un esforzo especial pola presenza do galego no ensino. Co decreto de plurilingüísmo reduciuse o uso do galego, nun contexto de reforzo do castelán. O Goberno galego debera tomar boa nota das conclusións dunha entidade rigorosa como a Real Academia Galega.