18 Decembro, 2020

Sen novas da Xunta dende hai mes e medio sobre o Centro de Saúde do Milladoiro

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, denunciou esta mañá que o novo Centro de Saúde do Milladoiro, cuxas obras de instalación do centro de seccionamento e conexión á liña de media tensión remataron o 6 de novembro, segue inoperativo. O edil recordou que esas obras “que o Sergas se negou a facer” e non eran competencia municipal foron asumidas polo Concello “para que non se atrasase máis a súa apertura”.

Xa o pasado mes de xullo, o Concello rematara as obras de saneamento, abastecemento de auga, rede eléctrica e telecomunicacións do centro de saúde. Agora, transcorrido mes e medio do final dos últimos traballos, e sen nova ningunha sobre a apertura desta infraestrutura -especialmente crucial ante unha pandemia como a que vivimos-, García considera que “o tempo acaba dándonos a razón, e demostrando que non era culpa do Concello este atraso”. “Xa viña de antes”, considera. 

Non é a primeira vez que Xunta e Concello se enfrontan por esta infraestrutura. En setembro, a Xunta escudábase en que o Concello tiña “traballos pendentes de tramitación e que están a impedir a posta en servizo do novo centro de saúde”. O alcalde de Ames, José Miñones, acusara daquela á Consellería de Infraestruturas de botar “balóns fóra” e recordou que as obras da Xunta debían ter rematado xa en 2019. A Xunta sinalaba que estaba “pendente aínda de que o Concello arranxe certas cuestións relacionadas coa acometida eléctrica para poder proceder á súa apertura”, mentres o Concello aseguraba non contar con con comunicación oficial ningunha de Unión Fenosa sobre a subministración eléctrica, dado que a empesa trataba directa e exclusivamente coa Xunta.