As/os amienses teñen gañas de verán, de música, de cultura de aí que a primeira edición dos “Seráns de Tapia” fose todo un éxito. O programa realízase nun entorno natural e privilexiado, conta con actividades variadas e traslada a cultura ao rural; por todo isto os “Seráns de Tapia” xa se converteron no programa máis ambicioso do verán a nivel cultural.
Segundo a concelleira de Cultura, Natividade González, os “Seráns de Tapia” teñen un dobre valor: o cultural e de apostar polo rural “estamos moi contentos co nivel de participación deste primeiro serán, alégranos moito que a xente tamén aposte pola programación no rural”.
O programa inaugurouse co pregón realizado por Manuel Otero Boquete. O músico, narrador e veciño da parroquia de Tapia púxolle música e retranca aos “Seráns de Tapia”.
Tras o pregón chegou a quenda do monólogo “Contos de Contrabando” de Avelino González. O actor vigués aproveitou a contorna das ribeiras do Tambre para presentar unha escolma dos seus libros favoritos. Contou contos que liu, que viu, que lle gustaron e que quixo recomendar a todos os asistentes para que fagan a súa propia versión.
A nota final desta primeira edición dos “Seráns de Tapia” púxoa o grupo de gaitas “Airiños do paseo de Colón”. As/os asistentes puideron gozar do son das rumbas, das muiñeiras e dos pasodobres deste grupo chegado dende a parroquia de Bugallido.
A vindeira semana as voces femininas van ser as protagonistas dos “Seráns de Tapia”. O xoves 8 os seráns darán comezo ás 17:30 con Bibiana Calvo e Divina Fernández e o seu Conto Contiño. Tras elas chega a quenda de Charo Pita e o seu Andar os Biosbardos. Vero Rilo e Sonsoles Penadique trasladarannos ao pasado coas súas Lavandeiras e rematará Soledad Felloza e as súas Estrelas.