8 Febreiro, 2022

Sete patinadoras dos clubs Omega e Sarela de Ames competirán a nivel estatal

A pasada fin de semana celebrouse na Laracha o campionato de preseleccións provinciais libre de patinaxe nas categorías de cadete a sénior. Trátase da primeira proba do ano na que se decide que patinadores e patinadoras van a competir en categoría nacional e en rexional. Deste xeito, un total de 7 patinadoras de Ames (dúas patinadoras do club de patinaxe Sarela e cinco patinadoras do club de patinaxe Omega) competirán na categoría nacional o que resta de tempada. No mes de abril farase a proba de preselección nas categorías de benxamín a infantil.

A mencionada preselección provincial ceñebrada no pavillón municipal da Laracha, a primeira proba federativa oficial da tempada, acudiron cerca de 100 patinadores e patinadoras das provincias da Coruña e Lugo, na que realizaron o seu programa coa finalidade de alcanzar a categoría nacional ou rexional para o resto da temporada. Esta proba serviu para facer a preselección nas categorías de cadete a sénior.

Do concello de Ames participaron o Club de patinaxe artística Omega e mailo club de patinaxe Sarela. Cómpre destacar os bos resultados da delegación amesá, xa que sete patinadoras conseguiron a puntuación necesaria para poder competir en categoría nacional o que resta de temporada. Deste xeito, do club patinaxe Sarela competirán en categoría nacional Inés Peña (cadete) e Alba Valladares (xuvenil). Por outra banda, do club de patinaxe artística Omega competirán en categoría nacional as patinadoras Irene Enríquez, Martina Bretaña, Marta Lariño e Claudia Villar, todas pertencentes á categoría cadete, así como Idara Pensado da categoría xuvenil.

A concelleira de Deportes de Ames, Susana Señorís, incidiu en que “é un orgullo que o concello de Ames estea representado en competicións de distintas disciplinas deportivas. Neste caso temos que felicitar ás patinadoras dos clubs de patinaxe Omega e Sarela pola boa actuación que tiveron nesta proba de preselección”.