21 Outubro, 2021

Solidariedade local con La Palma

Logo do recente contacto de Protección Civil de Ames cos seus homólogos de Santa Cruz de La Palma para coñecer as súas necesidades e posibles formas de axudalos, na tarde de onte a agrupación local, xunto ao alcalde de Ames, Blas García, a concelleira Ana Paz e Bea lópez Orgales, da Xuntanza de Empresarios de Ames, reuníronse novamente por videoconferencia coa agrupación canaria. Na xuntanza tomaron parte o presidente de Protección Civil Canarias, Juan Pérez Crespo e o secretario, Roberto Amarelle.

Nesta xuntanza foron informados da situación na illa logo da erupción do Cumbre Vieja e das necesidades de material,especialmente de vestimenta e prevención. É por iso que Protección Civil e o Concello de Ames colaborarán coa recollida de produtos hixiénicos de primeira necesidade para os afectados pola erupción do volcán organizada pola Asociación Nacional de Protección Civil. A recollida vaise realizar hoxe, xoves 21, e mañá, venres 22 no Milladoiro e en Bertamiráns. XEA estableceu tres puntos de recollida en Bertamiráns e outros tres no Milladoiro. En Bertamiráns vaise recoller material en Papelería Chavián, na Avenida da Maía 44; en Queen, na Praza da Maía 4 e en T3, na Avenida da Maía 84. No Milladoiro a recollida terá lugar en Careva, situada na rúa da Cruxa 6; en JM Seguros, rúa Viorneira-e na Asociación de empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro, rúa Palmeiras 19.

Ao longo destas dúas xornadas vanse recoller produtos hixiénicos de primeira necesidade como cueiros, compresas, toalliñas, xel, champú, pasta de dentes, cepillos de dentes ou xabóns. Ademais, estase traballando para realizar unha recollida o venres en varios supermercados de Bertamiráns e do Milladoiro. Unha vez finalizada a recollida os voluntarios de Protección Civil van realizar un traballo de inventariado, clasificación e embalaxe. Despois todo o material recollido vai ser enviado por mar a semana que vén aos afectados pola erupción do volcán Cumbre Vieja.

O Concello de Ames anuncia que se farán máis campañas de recollida segundo se coñezan as necesidades dos afectados pola erupción do volcán Cumbre Vieja. O alcalde de Ames, Blas García, apuntaba “o concello de Ames sempre foi un pobo solidario e o imos a seguir sendo, e non dubido que colaboraremos dunha maneira importante cos veciños e veciñas da Palma”. Ademais García aproveitou a ocasión para trasladarlle o seu ánimo e apoio a todos os afectados.