12 Febreiro, 2026

Suspendido o servizo de transporte adaptado ata novo aviso por causas alleas ao Concello

O autobús que presta dito servizo apareceu cun cristal roto polo que ata que se arranxe non poderá volver a prestar servizo. A interrupción deste servizo municipal supón unha grave afectación para persoas especialmente vulnerables, que non dispoñen de alternativas de mobilidade. 

O Goberno local difundiu esta información nunha nota que recolle tamén que “desde o Concello de Ames queremos manifestar a nosa profunda preocupación e rexeitamento polos actos vandálicos que deixaron fóra de servizo o transporte adaptado municipal”.

Este servizo, prestado polo propio Concello de Ames, é para moitas persoas con discapacidade ou mobilidade reducida o seu único medio de transporte, fundamentalmente para acudir a tratamentos médicos e cubrir necesidades básicas do día a día.

Unha reivindicación non pode estar por riba dos dereitos dos demais

Respectando plenamente a folga como un dereito fundamental, o Concello lembra que “non pode exercerse por riba doutros dereitos igualmente esenciais, especialmente os das persoas que dependen a diario do transporte adaptado para garantir a súa autonomía e dignidade”.

A interrupción deste servizo municipal supón unha grave afectación para persoas especialmente vulnerables, que non dispoñen de alternativas de mobilidade.

Calquera reivindicación que se leve a cabo, insisten desde o Goberno local, “por moi lexítima e razoable que sexa, debe facerse sen prexudicar a quen máis precisa dos servizos públicos”.