O Teatro Colón da Coruña acolleu o domingo, 12 de abril, a final do concurso Quero Cantar 2026, organizado pola Deputación da Coruña. Na categoría infantil gañou o grupo amesán Tentáculo Rock, coa canción “Vou a cento vinte”.
Tentáculo Rock foi o gañador dun certame no que participaron seis finalistas, tres da categoría infantil e outro tanto da xuvenil. En dita categoría infantil, amais da banda amesá, tamén participou o grupo O Mar de Sentimentos, procedente de Caión, e a banda Libres, chegados de Ourense. Con esta vitoria, Tentáculo Rock recibiu a oportunidade de gravar unha maqueta nun estudio profesional co seu correspondente videoclip e material musical e/ou produtos culturais en galego por valor de 1.500 euros.
Tentáculo Rock
Tentáculo Rock é unha banda formada por Carlos (vocalista), Leo (guitarrista), Lois (baixista) e Martiño (batería), rapaces de 11 anos das parroquias de Bugallido e Ortoño. Foi precisamente nesta última, na escola unitaria da Igrexa, na que Carlos, Leo e Lois comezan a compartir os seus gustos musicais e deciden formar unha banda.
Baixo o nome de “TríoR” comezan a sorprender ao público coas súas primeiras interpretacións nas celebracións escolares. Xa no 2025, incorporan a Martiño e pasan a chamarse Tentáculo Rock, iniciando así un interesante proxecto. No medio da súa formación en diversas disciplinas, atopan tempo para ensaiar e idear novas composicións orixinais cada xoves pola tarde.