25 Setembro, 2017

O tripartito reclama axilidade na licitación do novo centro de saúde do Milladoiro

José Miñones: “Dende o Concello levamos varias semanas chamando ao Sergas e á Consellería de Sanidade co obxectivo de reactivar esta licitación e na procura de que non se atrase máis a construción deste ambulatorio”

Durante as últimas semanas o goberno municipal de Ames está traballando para tratar de axilizar a sinatura do expediente que dea inicio o proceso de licitación das obras de construción do novo centro de saúde do Milladoiro. Dende o Concello de Ames teñen constancia de que toda a documentación para iniciar este procedemento administrativo está preparada, polo que solicitan que comece co proceso de licitación o máis axiña posible xa que se trata dun importante proxecto para Ames.

O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “urxe asinar o expediente que dea inicio ao proceso de licitación das obras de construción do novo centro de saúde do Milladoiro. Dende o Concello levamos varias semanas chamando ao Sergas e á Consellería de Sanidade co obxectivo de reactivar esta licitación e na procura de que non se atrase máis a construción deste ambulatorio. Sabemos que está todo preparado polo que só queda asinar e darlle o visto bo ao inicio da licitación”.

O novo centro de saúde construirase nunha parcela do S-15, que se atopa en fronte á Casa da Cultura e ao pavillón polideportivo do Milladoiro

O último paso que se deu na tramitación do novo centro de saúde do Milladoiro foi a mediados do pasado mes de xuño, cando saíu publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución da Presidencia do Servizo Galego de Saúde polo que se lle encomendou á Axencia Galega de Infraestruturas a xestión das actuacións para acometer a execución das obras de construción do novo ambulatorio. A contratación da dirección facultativa das obras será xestionada directamente polo Sergas.

A partir dese momento quedou pendente de que a Xunta abrise o proceso de licitación para adxudicar as obras de construción de dita infraestrutura. Despois de tres meses o goberno municipal reclámalle á Xunta de Galicia maior axilidade en dito proceso parar tratar de o antes posible o inicio do expediente de licitación para a contratación das obras de construción de dita infraestrutura.

Previamente, a comezos do mes de xuño, o goberno municipal acordou en Xunta de Goberno Local extraordinaria a concesión de licencia de obra á Xunta de Galicia para a construción do novo centro de saúde do Milladoiro. Este trámite realizouse despois de que a Administración autonómica aboase as taxas correspondentes. Esta infraestrutura construirase nunha parcela do S-15, que se atopa en fronte á Casa da Cultura e ao pavillón polideportivo do Milladoiro.