Presentouse o estudo de detalle de inundación en áreas de risco potencial e significativo de inundación (ARPSIs) e do Plan municipal de protección civil fronte ao risco de inundacións no municipio.
en primeiro lugar abordaron a modelización hidráulica bidimensional da zona inundable, así como da identificación de zonas críticas en diferentes escenarios de risco, e un plan orientado a establecer un marco operativo de resposta ante posibles emerxencias relacionadas. Esta última acción integrará a normativa vixente (INUNGAL, PXRI e Real decreto 903/2010) e define os protocolos a seguir.
Ambas actuacións parten co obxectivo claro por parte do Concello de Ames de reforzar a súa resiliencia fronte ás inundacións e mellorar a planificación de emerxencias. Todo isto, avanzando cara á dixitalización da xestión do risco e aliñando ás políticas locais cos obxectivos ambientais e tecnolóxicos do PRTR.
O estudo fíxose en detalle dentro da zona de Bertamiráns, debido a que as ARPSIs deste núcleo correspóndense co grupo IV dentro da escala de medición, o que se traduce como unha alta perigosidade polo risco de inundación, causando danos na contorna. É por iso que se formula a elaboración dun estudo de inundabilidade que determina cales son as zonas de maior risco e, en consecuencia, establecer un plan de medidas correctoras.
Ademais, existe unha aplicación web, que se poñerá a disposición da veciñanza nas vindeiras semanas, á cal se poderá acceder para ver as zonas que poden estar inundadas e mailos lugares aos que non se pode acceder por ditas inundacións. Trátase dunha ferramenta moi útil para ver o municipio neste senso.
A empresa adxudicataria do proxecto é compañía santiaguesa Brétema Ingeniería S.L. e contou cun contrato de 40.474,50 euros (IVE incluído) sobre os 49,731,00 euros (IVE incluído) do presuposto base de licitación, o que supuxo unha baixada económica do 18,6% do importe de licitación estipulado.
Xestión máis eficiente e eficaz do ciclo completo da auga
O contrato para o Estudo de detalle de inundabilidade de Áreas de Risco Potencial e Significativo de Inundación e do Plan municipal de protección civil fronte ao risco de inundacións é un dos proxectos incluídos no plan Ames dixital Water, cuxo obxectivo é lograr a transformación integral do sistema de abastecemento e saneamento do concello.
Este proxecto pretende converter Ames nun referente na gobernanza da auga a nivel local, aproveitando as vantaxes da transformación dixital. Prevese mellorar a calidade de vida dos cidadáns, promover a sustentabilidade ambiental e fortalecer o arraigamento da poboación no municipio. Este enfoque integral busca crear un modelo replicable noutros contornos semiurbanos que se enfrontan a retos similares.
Ademais do estudo de inundacións e o plan de protección civil, o Concello de Ames adxudicou tamén os contratos para acometer as accións de inventario das redes de abastecemento e saneamento, a mellora do sistema de abastecemento do municipio e o estudo para o saneamento e depuración de pequenos núcleos.
A través do uso da tecnoloxía, búscase facer unha xestión máis eficiente e eficaz do ciclo completo da auga, desde a captación ata a reutilización. O investimento global ascende a 1.356.375,49 euros. O 83,40% do orzamento total, que ascende a 1.131.309,77 euros, será sufragado con fondos europeos, mentres que o 16,60% restante, 225.065,72 euros, son sufragados con fondos municipais.