A Escola Municipal de Teatro quixo conmemorar o Día Internacional do Teatro (27 de marzo) cun vídeo protagonizado polo seu alumnado máis novo, no que explican que é e que significa para eles esta disciplina artística. A celebración do Día Mundial do Teatro é parte da forte aposta que se realiza dende o Concello de Ames por esta disciplina artística.
Na actualidade, o concello conta cunha programación estable de artes escénicas, con doce funcións para o público adulto, infantil e familiar no primeiro semestre de 2026. Ademais, a Concellaría de Cultura facilita o acceso á veciñanza ás obras, con entradas a prezo reducido e coa emisión de bonos culturais, que permiten asistir ás representacións cun 50% de desconto.
Residencias artísticas
Co obxectivo de apoiar a creación artística do tecido profesional e empresarial, a Concellaría de Cultura do Concello de Ames oferta residencias artísticas no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro para creadores, creadoras e compañías profesionais que desenvolvan as súas liñas de traballo nos ámbitos das artes escénicas. Deste xeito, as compañías Grupo Chévere e Ibuprofeno Teatro estiveron realizando unha residencia artística no noso concello durante os últimos meses, e Marta Alonso Tejada e Producións Teatrais Excéntricas xa a solicitaron para o vindeiro mes de outubro.