Aprobouse por unanimidade o novo convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, o Concello de Ames, e a UTE “XG-807”, para dar continuidade ao servizo de interese municipal (SIMU). Dito servizo facilita a mobilidade dos veciños e veciñas das parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído, a través do reforzo do transporte interurbano da Xunta e dun servizo de interese municipal, que discorre entre a rúa Alcalde Lorenzo e a estación intermodal de Santiago.
A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, foi a encargada de expoñer este punto. “O pasado 18 de maio recibimos a proposta do novo convenio co obxectivo de asinalo para que a veciñanza quede sen este servizo a partir do 31 de maio. Dende o Concello contestouse que queríamos que se incluíse unha nova parada no campus sur da USC, xa que entra do percorrido que fai este liña de autobús, e que dentro do convenio se engada un artigo que permita facer modificacións puntuais entre o Concello e a empresa concesionaria, podendo ser estas modificacións de percorrido ou de frecuencias”.
A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo que “aínda que se trata dun servizo deficitario e non resolve as necesidades plantexadas pola veciñanza, mentres non se busca unha formula máis acaida e non se conseguen outras modificacións, imos a votar a favor co obxectivo de seguir dispoñendo deste servizo”.
A voceira do BNG, Escarlata Pampín, comezou dicindo que “Ames necesita máis e mellor transporte público por razóns sociais, ambientais, de cohesión territorial, e por razóns de xustiza para toda a veciñanza que non pode dispoñer exclusivamente do coche privado. Este convenio non supón unha mellora do servizo de transporte público, senón é unha continuidade dun modelo que leva anos acumulando deficiencias sen resolver. Este convenio non recolle melloras claras respecto ao asinado hai catro anos. O Concello asume o risco económico, mentres que a Xunta limítase a coordinar, e a concesionaria ten ben garantida a cobertura do déficit”.
O concelleiro do Partido Popular, José Ramón Oulego, explicou que “dende o Partido Popular de Ames apostamos polo transporte público e queremos recoñecer o esforzo que fai a Xunta de Galicia por manter este tipo de servizos dentro do transporte metropolitano de Galicia, algo fundamental para o concello de Ames que medra cada ano e ten unha grande mobilidade cara Santiago. Este convenio ofrece un servizo aos veciños, pero os datos indican que cada vez o usan menos, o que fai que sexa un servizo deficitario cuxo custe temos que asumir por parte do Concello. Nós apoiamos este convenio, pero non podemos deixar de salientar que catro anos despois, o goberno socialista de Ames foi incapaz de melloralo, polo que hai unha clara incapacidade de xestión, xa que non se mellorou o convenio”.
O alcalde, Blas García, dixo “quero aclarar que en Ames o transporte urbano non é competencia municipal. Por iso estamos traballando para dispor dun servizo de transporte municipal para ofrecerlle un servizo a unha gran parte da veciñanza do rural e conectar os dous núcleos urbanos do concello. Pagamos 295.000 euros do transporte metropolitano e da SIMU. Somos o Concello que máis pagamos con moita diferencia, co cal creo que temos o dereito de solicitar melloras no servizo. Convocamos unha comisión de seguimento e conseguimos poder presentar unha nova proposta, para que a liña do servizo SIMU pare no campos universitario e para poder negociar directamente co operador para poder negociar este convenio. Isto é o que queremos, porque sabemos que este convenio non é o mellor que podemos ter. Queremos que esta liña de autobús pase por Fraíz e A Moniña”.
Tamén no pleno…
A Corporación municipal aprobou a concesión da medalla do Concello de Ames de 2026 ao grupo musical Maianas; a desafectación do camiño Igrexa-Covas; a adhesión á rede española de capitais da cultura; e a aprobación inicial da modificación da ordenanza xeral municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria
Tamén foi aprobada a modificación da ordenanza municipal reguladora das tarxetas de estacionamento e accesibilidade; e o convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Ames para a continuidade do servizo de autobús de interese municipal (SIMU)Durante o transcurso do pleno as traballadoras do SAF realizaron unha concentración na praza do Concello.