Logo da sinatura do convenio que puxo en marcha o Servizo de Atención Temperá (SAT) conxunto entre Ames e Teo o pasado día 11, ambos os dous concellos constituíron unha Comisión mixta de coordinación para regular as condicións de prestación do servizo e as normas internas de xestión. A primeira reunión deste organismo xuntou á concelleira de Igualdade e Benestar Social de Ames, Luísa Feijóo, o concelleiro de Servizos Sociais de Teo, Ignacio Iglesias, a coordinadora de Servizos Sociais de Teo, Mónica Mella, e Rosana Martínez, técnica de Promoción da Saúde de Ames. O SAT situarase nun Local habilitado na Travesía de Casalonga, 67- 1º, en Teo, e contará con servizo de psicoloxía, logopedia e terapia ocupacional. Está previsto que comece a prestar estes servizos na primeira semana de novembro. O profesorado dos Centros Educativos de Ames e de Teo, o persoal sanitario dos Centros de Saúde e os propios departamentos de Servizos Sociais de ámbolos dous concellos serán os encargados de propoñer os casos que precisan ser derivados ao servizo.
“A pesar de que se opta polo modelo de xestión indirecta , por medio desta comisión de coordinación ambos concellos seguiremos exercendo un amplo control sobre o servizo e tendo un papel destacado tanto no acceso ao propio servizo, como na coordinación desta atención con outras intervencións sociais que se poidan estar desenvolvendo en cada caso concreto”, manifesta a concelleira de Servizos Sociais de Ames, Luísa Feijóo, que asemade engade que “tamén se fará unha supervisión xeral da prestación do SAT” e que “a posta en marcha deste servizo é un paso mais cara uns servizos públicos de calidade mediante unha oferta de recursos que dea resposta ás necesidades da poboación, valorizando os recursos dispoñibles”.