A explanada do pavillón de deportes de Bertamiráns acolleu este venres, 17 de abril, o festival de música infantil, Modo Galego, actívao! onde se xuntaron centos de rapaces e rapazas xunto as súas familias, para cantar e bailar co grupo de música tradicional amesá As Mainas, e con dúas das bandas máis potentes do panorama da música infantil en galego: A Gramola Gominola e Uxía Lambona e a Banda Molona. Con esta gran festa pechouse a cuarta edición deste programa que está organizado polo Concello de Ames e a Real Academia Galega, en colaboración coa Xunta de Galicia.
Este ano o peche oficial do programa realizouse o venres, 17 de abril, cun gran festival na explanada do pavillón de deportes de Bertamiráns no que houbo unha gran festa con diversas actuacións musicais. Este festival púxolle o ramo ao programa Modo Galego, Actívao! no que participaron cento de rapaces e rapazas de Ames, xunto coas súas familias, escolarizados nos centros de ensino que participaron no programa. No festival tamén participaron familias usuarias do programa de dinamización lingüística Apego, que non teñen nenos ou nenas escolarizadas en centros de Ames.
A rapazada cantou e bailou co grupo de música tradicional amesá As Mainas, creador da banda sonora do programa, e con dúas das bandas máis potentes do panorama da música infantil en galego: Uxía Lambona e a Banda Molona e Gramola Gominola. Durante toda a tarde predominou un ambiente moi festivo e familiar.
A dito festival asistiron o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García; o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; o secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García; a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, María Coutinho; a académica da Real Academia Galega, María López Sández; e técnicos/as do Seminario de sociolingüística da RAG e do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames.
O alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, mostrouse satisfeito pola boa acollida que tivo este festival. “Con festivais coma este damos un paso importante na normalización do idioma, xa que o obxectivo que temos todos é o mesmo: que o galego perdure. Como sempre digo, o galego non é patrimonio de ninguén en concreto, é patrimonio de todos e de todas. Agardo que este festival sexa unha actividade que vaia medrando cada ano e que perdure no tempo”.
O presidente da RAG resaltou os bos resultados da experiencia que arrincou como un programa piloto en Ames e que xa se está a estender por outros concellos do país. “Unha parte importante do éxito da expansión do proxecto ten que ver coa excelente colaboración que sempre demostrou o Concello de Ames, así como doprofesorado e a das familias”, apuntou Henrique Monteagudo. “Ames está a servir de exemplo con esta exitosa experiencia, e hoxe estamos aquí para celebralo con toda a comunidade educativa implicada”.