AMSGO: Javier, en que consiste a actividade da asociación?
Javier Salas: AVESANTI somos unha asociación sen ánimo de lucro incluída. No rexistro da Xunta de Galicia e que se fundou en 2007 e forma parte da Federación Venezolana de Galicia (FEVEGA). Despois duns anos de moita labor, caeu no esquecemento e fai dez anos un grupo decidimos recuperala, para o que nos puxemos en contacto cos fundadores e celebramos unha asemblea para escoller unha nova directiva e volver a traballar. O obxectivo é facilitar a integración entre os que chegan e os que están. Facémolo de dúas formas: unha dando orientación preliminar e básica aos chegados recentemente, sexan ou non venezolanos. Chámannos e dinnos, vostedes son os venezolanos?, e que cheguei a semana pasada… Entón nós respondemos: mira o primeiro que tes que facer é buscar onde vivir para poderte empadroar. Logo preguntamos si veñen sos ou con nenos…
AMSGO: É doado atopar vivenda?
Javier Salas: Está difícil. Para os que acaban de chegar como para os nacionais. Pero o importante para lograr estabilidade é estar en situación legal. A maioría veñen con medo, cunha falsa crenza de que aquí van ser perseguidos ou calquera outra cousa. Explicámoslles que aquí están en situación administrativamente irregular. Non é o mesmo que nos países de orixe. Non te paran pola rúa. Así que a menos que cometas un delito non tes que temer nada. Logo está a asistencia sanitaria. Aquí é gratuíta e universal. É importante empadroarse, buscar traballo e regularizar a situación de estancia. Orientamos de xeito concreto si se trata de petición asilo político, e ten que dirixirse á policía para iniciar uns trámites concretos ou ben por motivo de búsqueda de traballo. Procuramos darlle tranquilidade. En todos os ordes.
AMSGO: Tamén dan traballo?
Javier Salas: Non. Pero si orientamos para que o consigan e pedímoslles que estean atentos ás nosas redes sociais.
AMSGO: Sen papeis, hai que traballar en negro.
Javier Salas: Nós atémonos á legalidade. Pero non podemos negar que é unha realidade que existe.
AMSGO: E a xente toma ben ter que traballar no que non queren os de aquí, ou en peores condicións en algúns casos?
Javier Salas: Iso si que o explicamos nada máis se poñen en contacto. Ao doutor en Filosofía ou ao enxeñeiro en orixe, dicímoslle: como te chamas? Luís Pérez, pois aquí es Luís Pérez, nada de doutor, polo menos ata que arranxes os papeis e valides as titulacións coa súa correspondente carreira en España.
AMSGO: E como toma a administración a vosa participación?
Javier Salas: Nos traballamos en Santiago e comarca. Podo dicir que mantemos unha comunicación e unha relación estreitas cos servizos sociais dos concellos. Respectamos as competencias das traballadoras e traballadores sociais. AVESANTI temos colaborado co Concello de Ames ademais no Festival Intercultural e nese tipo de cousas e fixémolo con moito gusto.
AMSGO: Haberá casos que se complican, ou recén chegados que vos expón circunstancias difíciles ou pouco comúns. Nese caso, cómo actuades?
Javier Salas: Temos boa relación con avogados aos que podemos trasladar unha primeira consulta e logo xa decide cada persoa como actuar. Respectamos aos profesionais, que deben cobrar polo seu traballo e informamos tamén de que existe a posibilidade de recorrer a un avogado de oficio.
AMSGO: Falabas de dúas formas de traballar. Ademais da orientación, que facedes?
Javier Salas: Conferencias informativas. Charlas gratuítas abertas a todo o público. Todos os temas gardan relación con facilitar a integración e impártense por profesionais prestixiosos. Como vencer o estrés migratorio, como ter unha alimentación san, facilitando a adaptación das rutinas alimentarias do Caribe, por exemplo, ás de Galicia. Eu engordei dez quilos en tres meses e medio! Demos outra sobre dereitos laborais, medicina. A que máis me gustou foi unha que coincidiu coas eleccións nacionais e municipais, e pensamos: aínda que ti non votes, porque non es nacional, ti vives aquí e debes interesarte sobre as propostas de futuro que se debatan.
AMSGO: Non parades.
Javier Salas: Non. Outra cousa que facemos e non comentei é que recollemos medicinas e mandámolas para Venezuela. Ao primeiro estábamos en contacto cunha organización que se chamaba “La Pastillita”, e que se encarga de dispensar as medicinas a xente sen recursos con necesidade de medicinas. Agora facemos os envíos a través da Cruz Vermella.
AMSGO: Tedes financiamento?
Javier Salas: Orixinalmente había unha subvención do Concello de Santiago, no 2007. Pero agora, nós non temos grandes gastos. Moitos dos eventos facémolos por Zoom ou Instagram e cando facemos actos físicos, facémolos nas mellores oficinas do mundo: Nos centros socioculturais. O único problema, a parte burocrática. Pero agora xa está moi rodado.
AMSGO: Puideches reflexionar, como colectivo venezolano na Comarca de Compostela, sobre a realidade de Venezuela, logo da intervención americana e a captura do presidente Maduro?
Javier Salas: Notamos un incremento de migrantes venezolanos. Procedentes de Venezuela e tamén de Estados Unidos, e de Perú. O que nos preocupa especialmente é que estase a levantar moito odio. Tamén é certo que, eu, que son xornalista e teño oitenta anos, nunca tivera constancia de tantos sucesos negativos con venezolanos involucrados. Iso igual ten que ver con que de Venezuela non só saíu boa herba, senón tamén mala herba. E a mala herba é mala herba onde sexa. Pero en fin, saíron do país arredor de sete millóns de venezolanos, case unha terceira parte da poboación. Por iso Maduro non deixou votar aos venezolanos no estranxeiro nos últimos comicios, que gañou Edmundo Gonzalez. Poñamos unha cifra baixa, de 6 millóns, só puideron votar 67.000. Podendo, votar tampouco é doado. O consulado está en Vigo e atende tamén a Asturias e Castela e León.
AMSGO: Pero a nivel máis familiar, máis persoal, como vos afecta?
Javier Salas: Mira voume estender un pouco. No ano 1999 Chavez gaña as eleccións, e aínda o Consejo Electoral non estaba dominado polo chavismo. Tomou o poder no 2000, a día de hoxe, levan 26 anos e os venezolanos vemos como se deteriora o país, como se deterioran as súas libertades, vendo como se destrúe a sociedade, vendo como a xente escapa… E levantouse a voz, eu estiven en Caracas en manifestacións de 300.000 persoas, un mar de xente. Pero ninguén moveu unha man, en ningún sitio, máis alá de un “condenamos”. O tres de xaneiro pasou o que pasou. E a primeira reacción dos venezolanos foi que por fin alguén está a facer algo. Podemos discutir ata que as velas non ardan se foi ou non foi legal. Pero alguén fixo algo, por fin. Iso creou unha espectativa, pasouse da sorpresa á emoción, a alegría. Un pouco esaxerada.
AMSGO: Por que?
Javier Salas: Porque saímos berrando somos libres!. Pero en realidade mantívose a estrutura do país. Temos unha presidenta, o congreso, a Corte Suprema, o Congreso, as alcaldías, todo está en poder do Estado. Que libres? De todo isto o que quedaron foron dúas cousas: Unha, entender que isto é un proceso. A ter base firme para a esperanza.
AMSGO: Qué noticias tedes da vosa xente alá?
Javier Salas: Hai diferentes situacións. Imos falar do bo. Eu creo que baixou a inseguridade, en parte porque moito malandro xa ten fuxido, aí están o cartel dos Soles ou o Tren da Auga, que está en Estados Unidos. Eu percibo que a xente é consciente do que está a pasar, pero por outro lado a xente ten unha vida. Teñen que saír comer, traballar. Entón están tratando de amalgamar estas dúas cuestións. E non ser demasiado expresivos. Nós xa pasamos o mandato de non enviar nada por redes ou whatsapp a Caracas, porque a policía para ós cidadáns e revísalles o teléfono. Se atopa conversacións sospeitosas, para dentro!
AMSGO: E a economía?
Javier Salas: Polo que reportan os familiares, parece que non hai escaseza, na economía funciona o dólar. E a xente sigue a súa vida esperanzados, alegres dentro da penuria, porque os servizos públicos funcionan moi mal. A luz vaise a cada rato, ao igual que Internet, a auga pode fallar dez dias seguidos. Unha das primeiras declaracións de Trump ía orientada a anunciar que unha das primeiras intervencións sería arranxar o sistema eléctrico e pode ser crible, dada a importancia da electricidade para a industria petroquímica, o refinado do petróleo, un ben polo que amosou interese. De todos xeitos non debemos esquecer que a pobreza en Venezuela afecta ao 70 ou 80 por cento da poboación. Hai desnutrición infantil e reapareceron enfermidades que estaban erradicadas. O país está destrozado.
AMSGO: Pero son un país rico.
Javier Salas: Venezuela ten as maiores reservas de petróleo do mundo. A súa economía sempre xirou arredor do cru. Desde a perforación do pozo Fumaque 1, en 1914 ata o ano 2000 o petróleo foi explotado, no bo sentido da expresión, polos americanos. O mercado natural de Venezuela era Estados Unidos. E os americanos tiñan un socio confiable en Venezuela. Nunca fomos unha potencia industrial e tampouco tiñamos unha grande produción alimentaria, había que importar. O 95% dos dólares que entraban en Venezuela proviñan do que pagaban os gringos polo petróleo que extraían. Pero en Venezuela, como dixo Arturo Uslar Pietri, “hai que sementar o petróleo”. Venezuela nunca sementou o petróleo.
AMSGO: Finalmente, como cidadáns venezolanos, cómo enxuiciades o papel de España e de Europa respecto ás relacións bilaterais e tamén en concreto tras a inxerencia de Estados Unidos.
Javier Salas: España falou algunhas veces, pero tampouco fixo nada en todo este tempo. A respecto da actuación do Sr. Zapatero, creo que hai moita tela que cortar. Pero volvendo a España, si fixo algunhas declaracións, pero moi tímidas. O mesmo que fixo Europa. Pero é verdade que España si facilitou ou polo menos non puxo maiores trabas á emigración venezolana. Mira, o papel de España é tímido. Pero unha muller non pode estar medio embarazada, ou está ou non. Xestos. É verdade que acolle a Edmundo González e a outros opositores. Pero Edmundo González é, para o mundo o gañandor dunhas eleccións e polo tanto é presidente electo, aínda que non fora investido. Pois o señor Sánchez recibiuno na Moncloa, pero nos xardíns. Son xestos, que para min marcan un pouco algúns aspectos da acción do Goberno de España respecto a Venezuela, sobre todo porque ambos países, nos anos 50, durante as dictaduras de Pérez Jiménez e Franco, asinaron un acordo para a acollida de emigrantes en Venezuela e a colonia española converteuse na máis numerosa, por riba da italiana.