3 Xullo, 2017

Viaxes no tempo na Escola de Verán de Ames

Nesta edición pasarán pola escola de verán un total de 356 rapazas e rapaces

O programa de conciliación Escola de Verán, comeza hoxe no concello de Ames, cunha liña temática baseada nas viaxes no tempo, concretamente, á época dos celtas e dos romanos e ao período medieval. Así, ao longo destes dous meses de xullo e agosto, as nenas e nenos participantes afondarán nestas etapas da historia, a través de xogos, contos e outras actividades.

Nesta edición pasarán pola escola de verán un total de 356 rapazas e rapaces, 162 en Bertamiráns e 194 no Milladoiro. Durante esta primeira quincena de xullo, todas as actividades que se realicen xirarán en torno aos “celtas, as comunidades e as tradicións”, mentres que na segunda quincena as actividades estarán orientadas a coñecer os “romanos: as civilizacións, os xogos e os espectáculos”. Cada cultura será presentada mediante diferentes personaxes que mostrarán ás nenas e nenos como se vivía nesa época, os roles da muller, a importancia da convivencia en grupo… O que se procura é que nenas e nenos sexan conscientes das nosas raíces.

En agosto, as e os participantes da Escola de Verán achegaranse á cultura medieval, con iniciativas varias como a dunha feira medieval con elementos construídos polos nenos e nenas. Alén diso, e de maneira transversal, durante este dous meses traballaranse aspectos como a igualdade de xénero, a educación emocional ou a animación á lectura. Tamén terán un peso importante xogos de carácter popular, así como cooperativos, ou na natureza.