Coa visita á Pontemaceira arrincou onte o “Campamento urbano sénior”, unha novidade do programa Amessán, que se estenderá durante o mes de xullo. Unha iniciativa para os maiores onde os participantes coñecerán o municipio e desfrutarán da actividade física ao aire libre por medio de rutas verdes espalladas polo termo municipal.
As camiñatas polo espazos naturais do Concello de Ames percorrerán unha ruta por Pontemaceira, a ruta de Ríamontes, a ruta da Auga e a visita ao Fogar do Burro onde realizarán unha actividade interxeracional. O campamento rematará a finais do mes de xullo cun xantar grupal no Parque do Ameneiral.
A concelleira Luísa Feijoo lembrou que este foi un ano de moitos cambios e paradas na programación, pero “aínda así fomos quen de ampliar a oferta das actividades do Programa Amessán e aumentalo un mes máis ante a demanda e a necesidade deste tipo de actividades fomentando así a actividade física e cognitiva tan importante para os nosos maiores”.
O programa Amessán está dirixido a persoas maiores de 60 anos empadroadas no Concello de Ames. Neste programa tamén poden participar aquelas persoas con diversidade funcional, presentando un informe médico, que recomende a súa asistencia a algunha das aulas.