O programa “Volta ao cole co comercio” xa se converteu nunha cita ineludible do mes de setembro coincidindo co inicio do curso escolar. Esta iniciativa dividiuse en dúas xornadas: unha en Bertamiráns e outra no Milladoiro.
A segunda xornada celebrouse este pasado luns, 15 de setembro, nas pistas deportivas e no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro. A xornada do Milladoiro estaba prevista para o pasado mércores 3 de setembro, pero houbo que cambiala de data debido ás previsións meteorolóxicas de chuvia. Nesta xornada estímase que participaron arredor de 1.100 persoas. No sorteo organizado polo Concello de Ames inscribíronse 342 nenos/as.
Por outra banda, na xornada celebrada o venres, 5 de setembro, en Bertamiráns participaron máis de 1.000 persoas, 500 delas nenos e nenas que participaron no sorteo organizado polo Concello de Ames. Deste xeito, nesta edición da Volta ao Cole superáronse os 2.000 participantes dos cales a metade aproximadamente eran nenos e nenas.