19 Xuño, 2020

Volve o mercado de rúa, agora na rúa do Sar

Ao longo desta semana o Concello de Ames, a través do persoal do departamento de Promoción Económica e da Brigada municipal de Obras, estivo acondicionando a rúa do Sar, onde a partir de mañá, e de xeito temporal, se instalarán os postos do mercado de rúa de Bertamiráns. Esta medida temporal perdurará ata que as normas sanitarias permitan volver a celebrar o mercado nas rúas Ameneiral e Entrerrios.

Optouse por trasladar o mercado de rúa, que se realiza na contorna da praza do Concello, debido á imposibilidade de cumprir as normas sanitarias actuais nas rúas Ameneiral e Entrerrios ao tratarse de rúas estreitas e non poder cumprir co distanciamento social obrigatorio. Deste xeito o mercado situarase na rúa do Sar que se atopa na zona próxima ao paseo fluvial, e moi preto das rúas propias do mercado. Esta é a estrada que está por detrás da escola infantil da Rede da Galiña Azul de Bertamiráns. Esta nova ubicación será temporal. Deste xeito, garántese que poidan montarse o 100% dos postos que participaban no mercado de rúa e que entre cada posto haxa unha distancia mínima de 1,5 metros de separación.

Deste xeito, o mercado de rúa reabrirase na rúa do Sar, con dous carrís de circulación para as persoas que acudan ao mercadiño e con postos en ambos lados da rúa. Para iso estívose pintando na calzada os lugares onde se terán que instalar os diferentes postos e mailos carrís de circulación para as persoas que acudan ao mercado.

Haberá persoal da Agrupación de Protección Civil á entrada e saída da zona do mercadiño para controlar en todo momento o aforo. Tamén na zona de entrada e saída do mercado haberá dispensadores de hidroxel, para que as persoas que entren na zona do mercado o apliquen nas mans antes de entrar.

Ademais, cortarase ao tráfico un carril na intersección da rúa Pesqueiras coa rúa Entrerrios, ata a escola infantil da Galiña azul, para habilitar unha zona de estacionamento para os vehículos. Este carril estará cortado ao tráfico en horario de 15.30 a 21.00 horas.

Normas para acceder ao mercadiño
As persoas que queiran acudir ao mercado de rúa de Ames deberán manter unha distancia interpersoal e cos postos de 1,5 metros; deberán usar en todo momento máscara; aplicar xel hidroalcólico ao entrar e saír do mercado, e evitar tocar as prendas e alimentos do mercado.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradécelle a brigada de obras o traballo feito durante esta semana, así como ás voluntarias e voluntarios da Agrupación de Protección Civil, que estarán presentes no mercado. Tamén agradece a boa disposición mostrada polos representantes dos vendedores ambulantes, para buscar unha nova ubicación para o mercado de rúa.

Por outra banda, a concelleira de Promoción Económica sinala que “a reapertura do mercado de rúa é unha boa nova para o comercio amesá, xa que poderase beneficiar da afluencia de persoas que acudan ao mercadillo durante a tarde do sábado”.