Logo de máis dunha semana por debaixo das taxa galega, a taxa de aparición de novos casos de COVID-19 na área compostelá sitúase levemente por riba, ao acadar o 0,57% fronte ao 0,51% galego. Ao longo do fin de semana houbo 12 novos casos, seis cada día, que rompen a tendencia á baixa que a doenza presentara os tres días previos. Agora mesmo hai 1.067 casos activos na área de Santiago, a maior cifra dende que comezara o descenso hai 5 días.
A Xunta actualizou esta mañá os datos de novos contaxiados nas áreas sanitarias galegas. A da Coruña segue sendo a primeira en número de casos, con 1.659. A ourensá ten 1.315, e hai 1.219 na de Vigo. A moita distancia se atopan Lugo -662-, Pontevedra -569- e Ferrol -400-. Do total de pacientes positivos, 83 permanecen en UCI, 507 están en unidades de hospitalización e 6.301 no domicilio. A día de hoxe déronse máis de 1.800 altas e producíronse 531 mortes por COVID-19 na nosa comunidade. O número de PCR realizadas é de 87.824.
A expansión do coronavirus en Galicia segue cebándose coas residencias de maiores e persoas dependentes. Entre usuarios e persoal, rexistran o 17,6% dos casos en Galicia. Case o 46% das mortes están relacionadas con estes centros.